publicidade hoxe

Área Santiago premiará as mellores fotos do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaArzúaBoqueixónLalínMelideO PinoOrosoPadrónRoisSantiago de CompostelaSilledaTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+

Área Santiago, o grupo de 16 concellos da zona de Santiago que colaboran na súa promoción turística conxunta, premiará as mellores fotografías do verán cun novo concurso que se desenvolverá entre o 17 de xullo e o 15 de setembro. O concurso foi presentado no Pazo de Raxoi pola concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis; o alcalde de Boqueixón, Jesús Sanjuás; e o tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla. O obxectivo do concurso é dar a coñecer os atractivos dos Concellos que forman parte de Área Santiago: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. As imaxes presentadas poden estar tomadas en calquera dos 16 concellos.

O concurso está aberto a participación tanto dos propios habitantes dos concellos como aos visitantes. No concurso establécense catro categorías distintas para destacar os múltiples recursos dos concellos de Área Santiago: Festas e tradicións, Patrimonio histórico e cultural, Paisaxes e natureza, e Gastronomía.

Establécese un premio para cada categoría, valorado en 500 euros. O premio consiste nun bono agasallo para dúas persoas cambiable por unha estancia nun establecemento de Turismo Rural situado en Área Santiago, que inclúe dúas noites de aloxamento en réxime de media pensión, unha cea degustación, unha sesión de balneario e unha visita guiada por Área Santiago.

O concurso concíbese tamén como unha ferramenta para promocionar Área Santiago nas redes sociais, polo que para participar os candidatos teñen que subir as súas fotografías na páxina de Facebook do grupo. O concurso tamén se promocionará a traves das contas de Área Santiago en Twitter e Instagram.

Para incentivar a difusión viral a través das redes, as dez fotos finalistas de cada categoría serán as que obteñan un maior número de votos na páxina de Facebook do grupo. Non obstante, o gañador de cada categoría será escollido o vindeiro 22 de setembro por un xurado composto por representantes dos concellos do grupo Área Santiago e por un experto en fotografía.

Área Santiago pretende tamén ampliar o seu arquivo fotográfico coas imaxes que participen no concurso, que poderán ser empregadas en accións de promoción conxunta. A primeira acción deste tipo está prevista para finais de ano, cando se pretende facer unha exposición coas mellores imaxes do concurso.

17 de xullo de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.