publicidade hoxe

Apertura do prazo de entrega para os poemas aspirantes ao Certame de Poesía Antón Zapata García en Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

A Concellería de Cultura e Benestar do Concello de Laxe, comunica que dende hoxe, 14 de xullo do 2014 e ata o vindeiro luns 18 de agosto, permanecerá aberto o prazo de entrega de poemas aspirantes a gañar cada unha das tres categorías do VIII Certame de Poesía Antón Zapata García.

Os principais motivos para convocar esta oitava edición do Certame de Poesía Antón Zapata García son dar a coñecer a figura e obra do poeta local Antón Zapata García, así como xerar oportunidades de expresión literaria que promovan a vertente cultural da poesía incrementando o noso patrimonio cultural.

PRAZO DE ENTREGA E CATEGORÍAS

Nesta edición, o prazo para presentar poemas, permanecerá aberto dende o 14 de xullo ata o luns 18 de agosto ás 12 horas. No certame pode participar toda a veciñanza laxense, así como todas aquelas outras persoas que o desexen, sendo posible inscribirse nas seguintes categorías:

– Infantil: ata 11 anos
– Xuvenil: dos 12 aos 25 anos
– Adultos: a partir dos 25 anos

A extensión e temática dos traballos que se presenten ó certame é totalmente libre, podéndose participar cun único poema e/ou con varios, sempre que estes reúnan a condición de ser inéditos. Estes poderanse presentar tanto en galego como en castelán.

Para garantir o anonimato, deben remitirse baixo pseudónimo ás Oficinas da Concellaría de Cultura e Benestar, preferentemente por correo postal ó enderezo: Avda. Cesáreo Pondal, nº 26, 15117 Laxe.

No sobre de envío, indicarase en letras maiúsculas “VIII CERTAME DE POESÍA ANTÓN ZAPATA GARCÍA”, así como a categoría á que se concursa e o pseudónimo elexido.

No interior deste sobre, remitirase a obra en formato papel xunto cun sobre pechado máis pequeno no que se deberán incluír os datos persoais completos do autor ou autora: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto.

FALLO DO XURADO

O resultado do xurado darase a coñecer o sábado 23 de agosto no acto do Solpor Poético, no que contaremos coa actuación do cantautor galego Xoán Eiriz.

A actuación dará comezo ás 20:00 horas na Praia dos Cristais, sempre e cando o tempo o permita. Do contrario, celebraríase no patio cuberto situado na Praza dos Voluntarios.

Na metade do concerto, farase entrega dos premios e diplomas ós/ás gañadores/as de cada categoría do certame, e como novidade deste ano, daráselle a cada concursante un pequeno agasallo por parte do Concello de Laxe pola súa participación.

14 de xullo de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.