publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Anúnciase a próxima licitación do novo IES de Culleredo que contará cun investimento de 4,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredoGaliciaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá que o seu departamento vai licitar nos próximo días as obras do novo IES de Culleredo, cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros -que probablemente supere os 5 millóns co investimento posterior en equipamento-, para a construción dun centro de 16 unidades de ESO, para 480 alumnas e alumnos. Fíxoo durante a súa visita ás obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, onde o seu departamento ten tamén investido máis de 2 millóns de euros

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cumprimento ao compromiso adquirido coa comunidades educativa de Culleredo, cun esforzo económico especialmente salientable nestes tempos de crise.

A superficie total construída do novo instituto ascenderá a 4.855,86 m2, á que se engadirán 1.188,60 m2 de pista polideportiva cuberta que, xunto co ximnasio e os vestiarios, terá acceso independente desde a vía pública. O edificio terá forma de ‘L’, adaptándose á topografía do terreo, e disporase ten tres plantas. Na baixa situarase a zona administrativa, dirección, sala de profesores, laboratorios, talleres, almacéns, cuartos de instalacións e aseos; mentres que no primeiro andar estarán os espazos docentes destinados a aulas de plástica, informática, música, drama e audio, as aulas de desdobre, biblioteca e seminarios, así como a aula polivalente, e a cafetería. As 16 aulas de ESO estarán na segunda planta.

O edificio deseñouse para aproveitar ao máximo a luz natural, así como para optimizar o deseño dos materiais utilizados. Así, a estrutura será de formigón armado, excepto a cuberta do ximnasio e pista polideportiva, onde se empregará o metal. Ademais, colocarase carpintería exterior de aluminio lacado ou anodizado con rotura de ponte térmica e dobre folla de vidro, laminar nas portas e ventás segundo a súa ubicación en fachada, con vidros compostos de seguridade e de baixa emisividade térmica.

No caso da cuberta do edificio, será inclinada, de panel, salvo na zona de instalacións que é cuberta plana invertida transitable e nos volumes de seminarios, aulas de música, biblioteca e sala polivalente, onde se utilizará a cuberta ‘deck’. Todas as dependencias terán, ao igual que en Carral, falso teito acústico.

16 de xullo de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.