publicidade hoxe

Adxudícanse as obras de mellora nas estacións de autobuses de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedoRibadeoSarriaVilalbaViveiro
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por 23.355 euros as obras de mellora de diversas estacións de autobuses da provincia de Lugo, incluídas dentro do Plan Renove de Galicia. Concretamente nas estacións de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria.

Os traballos, que comezarán a finais de xullo, realizaranse no período dun mes e centraranse na mellora da accesibilidade, das instalacións e dos sistemas de información destas instalacións.

No caso da estación de Viveiro o Plan Renove potenciará os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través da pintada dunha praza de aparcadoiro para o uso destes usuarios e a colocación de bancos na dársena.

Estes mesmos traballos tamén se desenvolverán nas estacións de Ribadeo e Vilalba, nas que o Plan ademais recolle a instalación de pasamáns e varandas na rampla de acceso existente en Ribadeo, e a colocación de sinais na estación de Vilalba.

No caso da estación de Mondoñedo o Plan executará unha rampla de acceso e coas súas respectivas varandas e pasamáns a ambos lados e a reubicación do sumidoiro que se verá afectado por estas actuacións, ademais do pintado dunha praza de aparcadoiro e a reparación das portas de acceso da dársena..

Outras actuacións que contempla o Plan Renove son as centradas nas melloras das instalacións a través de arranxos nos falsos teitos, aseos, puntos de luz ou canalóns; pintado dos bancos e limpeza do lucernario. Este tipo de melloras se realizarán na estación de Sarria, na que ao igual que as anteriores tamén se potenciará a accesibilidade dos seus usuarios.

Plan Renove

O Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia é un programa plurianual para o período 2013-2015 que consta cun orzamento de mais de 4,2 millóns de euros. No primeiro ano activáronse 1,6 millóns de euros repartidos entre as estacións das catro provincias galegas.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Na actualidade, Galicia conta cun total de 43 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 35 estacións.

9 de xullo de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.