publicidade hoxe

Adxudícanse as obras de mellora nas estacións de autobuses da Pobra do Caramiñal, Carballo, Cedeira, Padrón e Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do CaramiñalCarballoCedeiraNoiaPadrón
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por 29.154 euros as de mellora da accesibilidade, das instalacións e sistemas de información en varias estacións de autobuses da provincia da Coruña: Pobra do Caramiñal, Carballo, Cedeira, Padrón e Noia. As obras comezarán na segunda quincena de este mes.

Esta actuación está enmarcada no Plan Renove de estacións de autobuses para 2013- 2016, que consta dun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros

Entre as accións máis inmediatas cabe destacar a mellora na calidade das instalacións, realizando os arranxos ou optimizacións precisas en cubertas e paramentos, patios de manobra, escaleiras mecánicas ou ascensores, segundo as necesidades que precise cada estación. No Plan tamén se contemplan outras accións que melloren estas infraestruturas de transporte como pintado de estruturas e paredes ou substitución de asentos.

Na estación da Pobra do Caramiñal, realizaranse actuacións para a mellora da accesibilidade mediante o pintado de prazas de aparcadoiros e supresión de chanzos na entrada á cafetería. Tamén se repararán bancos en andéns, o pavimento de formigón no patio de manobras ou adecuacións nos aseos e nas sinalizacións.

Na estación de Carballo, tamén se pintarán as prazas de aparcadoiro que se atopan en mal estado e colocaranse sinais tanto horizontais como verticais. No que se refire á mellora de instalacións, arranxarase o falso teito, repararase o pavimento do patio de manobras e adecuaranse os aseos.

Nas instalacións de Cedeira, os traballos máis urxentes pasan pola reparación da varanda para colocala de novo, incrementando a seguridade viaria dos usuarios, e rehabilitou o pavimento da rampla de acceso principal. Tamén se substituirán as baldosas do bordo dos andéns por outras novas e arranxaranse as beirarrúas da entrada á estación. Colocaranse bancos e apoios isquiáticos na zona dos andéns.

As melloras na estación de autobuses de Padrón centraranse en accións como a colocación de sinais, bancos ou apoios isquiáticos na zona de plataformas. En relación ás instalacións, substituiranse os falsos teitos e realizaranse arranxos nos aseos.

A estación de autobuses de Noia tamén será obxecto destas optimizacións mediante as cales se executarán pintados de prazas, colocacións de sinais ou desprazamento da parada de taxis. Substituirase a rampla existente na entrada á estación por outra adaptada con varanda. Tamén se levará a cabo a reposición de beirarrúas no acceso á cafetería e a instalación de apoios isquiáticos na zona das plataformas.

Plan Renove

O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras arquitectónicas. Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas nos anos 70,80 e 90 e por tanto non están adaptadas para as novas esixencias normativas de accesibilidade (tanto dos modos de transporte como dos usuarios), detéctase unha clara necesidade de adaptación de elementos para facer posible este obxectivo.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

 

11 de xullo de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.