publicidade hoxe

Aberto o prazo de inscrición no servizo de almorzos escolares do vindeiro curso en Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social mantén aberto o prazo de inscrición no programa “Almorzos na escola” para o curso 2014-2015. O servizo municipal, impulsado polo goberno de Rafael Girón, leva a apertura do CEIP José María Lage antes do horario lectivo, facilitando aos pais e nais conciliar vida familiar e laboral.

O programa, no que se atenderá de forma personalizada a alumnos de infantil e primaria do centro escolar, comezará a funcionar a partir das 7:30 horas. E desde ese momento até as 9:30 horas, inicio da xornada lectiva, o alumnado usuario almorzará, aprenderá hábitos saudables e de hixiene e realizará actividades de lecer xunto a outros compañeiros/as e da man dunha monitora especializada.

“Almorzos na escola” contará, como na súa etapa anterior, con tres modalidades de participación: usuario/a diario con almorzo, diario sen almorzo e usuario ocasional, sempre que haxa vacantes dispoñibles.

No caso de que a demanda supere a oferta de prazas (15), Benestar Social aplicará un baremo que conferirá prioridade a aqueles/as estudantes cuxos proxenitores teñan obrigacións laborais a esas horas; aos que teñan minusválidos no seo familiar e, sobre todo, aos que procedan de familias monoparentais en situación de ocupación, familias en risco de exclusión social e con rendas baixas.

O servizo municipal, que se porá en marcha só si existe unha demanda suficiente (condición que non se deu o pasado curso), inscríbese dentro das políticas de promoción da igualdade de oportunidades do goberno local. De feito, garante unha adecuada atención aos pequenos nunha franxa horaria na que moitos pais e nais teñen que incorporarse aos seus postos de traballo, sen renuncias de tipo laboral de ningún tipo e sen sobrecargar aos avós, encomendándolles o coidado dos netos/as.

Para proceder á inscrición ou solicitar máis información, as familias poden dirixirse ao centro social da Vila (Telf. 981 40 25 42). O prazo para anotarse concluirá o próximo 24 de xullo.

9 de xullo de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.