publicidade hoxe

Abegondo presenta a primeira proba de bicicleta de montaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoDeportes
A-
A+

O municipio de Abegondo será escenario o próximo 2 de agosto da súa primeira proba de bicicleta de montaña. Baixo a denominación de “12 horas BTT Abegondo”, a marcha cicloturista, de inscrición libre, nace coa intención de consolidarse no calendario comarcal deste deporte.

Así o explicou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, que presentou hoxe o evento xunto con responsables do Club Ciclista Brais Chas, organizador da proba en colaboración co Concello de Abegondo.

Este circuíto de resistencia, de 10 quilómetros de lonxitude, establecerase pola contorna do núcleo de San Marcos. A súa dificultade é media-baixa, “apta para calquera que quere animarse a participar”, apuntou Antonio Chas, presidente do club.

E é que pode inscribirse calquera deportista federado ou sen federar, aínda que neste caso terá que sacar a licenza dun día para participar. A proba conta coa modalidade individual e por equipos, formados desde 2 a 4 corredores.

A proba leva a denominación de 12 horas porque esa é a duración máxima que un corredor poderá resistir sobre a bici de montaña: desde as 10.00 ás 22.00 horas do domingo 2. Mediante un chip, a organización irá controlando os tempos e voltas que cada un desenvolva.

A inscrición xa está aberta, até o próximo 27 de xullo ás 20.00 horas. Pódese formalizar online, no sitio web do cronometrador oficial do circuíto, www.magmasport.es. Aínda que non ten carácter de competición, si se outorgarán diplomas e agasallos aos mellores clasificados.

Así mesmo, o club ciclista ha disposto unha vertente solidaria nestas 12 horas. Convidarase os corredores e público que acheguen leite ou conservas ao momento de recollida que se habilitará. Os alimentos recadados doaranse a Cruz Vermella.

O alcalde de Abegondo mostrouse “orgulloso” de que Abegondo acolla a súa primeira proba dun deporte tan esixente como este, “que promove uns valores de esforzo e afán de superación”. Santiso considera que Abegondo conta con camiños “moi adecuados” para a práctica do BTT e por iso anima a calquera afeccionado a tomar saída na proba.

Pola súa banda, o presidente do club resaltou o “carácter lúdico” do evento, que só pretende gozar da bici de montaña e facer unha xornada con moita diversión para participantes e acompañantes.

15 de xullo de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.