publicidade hoxe

Abegondo comeza as obras de dotación de céspede artificial ao campo de fútbol de San Tirso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

O Concello de Abegondo comezou onte as anunciadas obras de modernización do campo de fútbol de San Tirso de Mabegondo. Trátase da dotación de céspede artificial á instalación deportiva, unha demanda dos centos de familias que a empregan cada tempada.

O campo disporá de herba artificial de última xeración. A obra mellorará sensiblemente as condicións do campo, usado tanto polo club San Tirso como polas escolas deportivas municipais. As vantaxes serán unha mellor resposta ante condicións climatolóxicas adversas e a prevención de lesións dos xogadores.

O terreo de xogo disporá dun campo de fútbol 11 e dous transversais de fútbol 7. Así, o Concello proporcionará á instalación unha maior funcionalidade e diferentes tipos de uso.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, logrou engadir ao asinado financiamento a colaboración económica da Xunta de Galicia. En concreto, a Deputación financia o 80%, a Xunta o 10% e o Concello o outro 10% da actuación, que ascenderá a 240.000 euros.

“Queremos un campo de calidade para os nosos nenos das categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantíl ou cadete”, afirma o rexedor. A previsión é poder completar os traballos no verán para aproveitar así o parón da actividade deportiva e afectar “ou mínimo posible” ás escolas municipais.

Posteriormente, avanza Santiso, o Concello impulsará instalación de iluminación artificial e a modernización dos vestiarios, para seguir mellorando as condicións para os usuarios. Para iso tratará de solicitar o apoio doutras administracións.

19 de xullo de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.