publicidade hoxe

A xuntanza participativa de Mondoñedo centrouse no impulso dos sectores forestal e hortícola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedo
A-
A+

Máis de 80 veciños de todas as idades acudiron á xuntanza convocada onte en Mondoñedo pola Deputación de Lugo para elaborar os orzamentos participativos do 2015. Entre as peticións dos asistentes destacaron medidas de impulso ós sectores forestal e hortícola dado o potencial da zona neste eido. Expresaron neste senso malestar e preocupación polas limitacións e dificultades impostas pola Lei de Montes, aprobada pola Xunta de Galicia hai dous anos.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Facenda e Cooperación cos Concellos, Pilar García Porto e Álvaro Santos, conduciron a asemblea, na que explicaron que a única solución ante as disposicións da Lei de Montes é cambiala, ademais de destacar a firme aposta da Deputación polo sector primario en xeral, e pola actividade forestal e hortícola en particular. Entre outras medidas, lembraron que o organismo provincial financia no Valadouro a primeira escola de hortícultura pública e gratuíta de Galicia; desenvolveu o plan de emprego Fórmate en Verde, precisamente destinado a fomentar estes sectores; e na finca monfortina de Tor ten espazos de formación para a agricultura ecolóxica.

Medidas contra o despoboamento

Os participantes interesáronse polas políticas demográficas da Deputación, ante o que o Presidente explicou que o organismo lugués foi a primeira administración pública en dar a voz de alarma sobre a vertixionosa caída da poboación que sofre a provincia e Galicia, reuniu ós mellores expertos da comunidade para artellar solucións a longo prazo e decidiu reoriorientar as súas políticas hacia a creación de emprego, o impulso do sector primario e o blindaxe dos servizos sociais, precisamente para frear o despoboamento. Precisou así mesmo que as políticas demográficas son unha responsabilidade compartida entre todas as administracións: concellos, deputacións, Xunta, Goberno central e Europa.

O arranxo de varias estradas provinciais e locais foi outras das demandas dos asistentes á reunión, da que saíu unha proposta para que o CENTRAD convoque cursos ou bolsas dirixidas ós titulados en música.

As áreas prioritarias
Tras a introdución e a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. O fomento do emprego, cun 49%, foi a área que marcaron maioritariamente os asistentes á xuntanza de Mondoñedo, seguido de infraestruturas, cun 12%, e promoción de actividades económicas, cun 10%.

Esta tarde, en Lugo

Para esta mesma tarde está prevista a xuntanza participativa do partido xudicial de Lugo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Deputación, co que rematan as asembleas. Están convocadas todas persoas maiores de 16 anos empadroadas nos municipios de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Meira, Outeiro de Rei, Pol e Rábade. De calquera xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com

31 de xullo de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.