publicidade hoxe

A Xunta quere elaborar un plan para protexer a Praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a decisión do Goberno galego de iniciar os trámites para a elaboración dun Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, en Ribadeo. Segundo destacou na rolda de prensa tras o Consello, este espazo da Mariña lucense converteuse, nos últimos anos, “nun importante foco de atracción de turismo” polo que a presión dos visitantes en períodos puntuais representa un problema de superación da capacidade de acollida e, en consecuencia, tamén un problema para “o hábitat, que temos que protexer, e para este monumento natural, que temos que preservar”, sinalou.

“Conscientes desta situación –afirmou Feijóo-, vimos de plantexar unha proposta de actuación para a ordenación do uso público da praia das Catedrais, no concello de Ribadeo, de xeito que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e co aproveitamento sustentable do recurso turístico”. Unha proposta que, segundo dixo, será presentada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas este fin de semana en Ribadeo, e que prevé dúas fases de actuación: unha de maneira inmediata, e outra a medio prazo.

Respecto á actuación que se vai desenvolver a medio prazo, o presidente galego explicou que se elaborará e aprobará un Plan de conservación para a praia das Catedrais, “un instrumento de planificación onde se concretará a folla de ruta, os usos e as limitacións necesarias para a conservación deste espazo”. Un documento que “será vinculante” para todas as administracións públicas e para todos os particulares. Deste xeito, o plan concretará as normas de uso público do espazo e regulará a afluencia dos visitantes e a adecuación dos accesos. Así mesmo, regulará o aproveitamento do solo e dos recursos naturais, ao tempo que recollerá os riscos e ameazas que poidan debilitar a conservación deste contorno. O plan dará a coñecer os valores que se deben protexer e, en consecuencia, divulgará os valores naturais, xeolóxicos, culturais e paisaxísticos deste enclave.

“Agora ben, tamén imos actuar de forma inmediata, neste mesmo mes”, aseverou Feijóo, referíndose a que se tomarán decisión para o reforzo da vixilancia nos accesos a este contorno, para a mellora de sinalización e a delimitación de sendas peonís para o acceso á praia das Catedrais. O obxectivo é evitar a alteración do hábitat e das especies protexidas motivada pola acción das pegadas fóra das sendas habilitadas, así como por outro tipo de actividades que se realizan nesta zona.

“Adoptamos dúas decisións: planificar e protexer para o futuro este monumento natural da praia das Catedrais; e actuar neste mes de xullo para que as praias, durante esta tempada xa do verán, teñan uns accesos peonís sinalizados, unhas sendas peonís concretadas e tamén un reforzamento da vixilancia de persoas que faciliten a entrada e o movemento de vehículos e persoas”.

“Imos contar cunha folla de ruta que permita xestionar a praia das Catedrais con acerto: con acerto ambiental e con acerto turístico”, concluíu Feijóo.

 

10 de xullo de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.