publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A X Feira de Artesanía de Pallares promove os produtos autóctonos e os oficios artesanais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaGuntínLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro, Carlos Vázquez, presentaron este luns a décima edición da Feira de Artesanía de Pallares que acollerá esta localidade de Guntín o vindeiro 10 de agosto.  O organismo provincial colabora con este colectivo na organización deste evento que promove os produtos autóctonos e os oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia que xeran riqueza. Para esta feira, a institución luguesa aporta 2.000 euros, o que supón o 50% do orzamento necesario para a celebración desta cita.

Regina Polín, subliñou que “a Deputación colabora ano tras ano con esta iniciativa xa que contribúe a dinamizar a economía local e aporta incentivos á produción artesanal da provincia; ó tempo que pon en valor o patrimonio cultural do que goza a provincia de Lugo”.

Xornada artesá e gastronómica

A praza do Mosteiro de Pallares acollerá a X edición da Feira de Artesanía que arrancará sobre as 09:00 horas coa instalación dos postos, que cobizarán, durante toda a xornada de mañá, o traballo en vivo e as demostracións dos oficios tradicionais de cestería, tear, olería, talle de pedra e madeira, traballo de coiro, forxa, apicultura e cetrería. Os visitantes, que roldaron os mil nas últimas convocatorias, de cara as 13:00 horas, terán a oportunidade de degustar filloas elaboradas durante toda a mañá por tres filloeiras de Muimenta; tras escoitar o pregón a cargo de Jaime Santoalla Varela, Inspector Xefe de Educación en Lugo.

Para rematar, celebrarase un xantar de confraternidade, que terá un custo de 21 euros para os socios desta asociación, e de 23 para as que non estean asociadas, reducíndose ata os 13 euros no caso dos cativos de menos de 11 anos. O menú estará composto por polbo con cachelos, churrasco mixto con patacas fritidas e ensalada; torta de Santiago, viño, café e licores. Para poder participar neste xantar, é preciso retirar unhas tarxetas anteriormente. Pódese facer na Casa Fidalgo, no Bar Stop ou na Casa Reitoral de Ferreira, antes do día 6 de agosto.

28 de xullo de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.