publicidade hoxe

A sede do CRDO Monterrei acolle un curso de iniciación á análise sensorial dos viños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerín
A-
A+

O director da EVEGA, Juan Casares Gándara, o presidente do CRDO Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, e o alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, participaron hoxe na inauguración do curso de iniciación á análise sensorial que daba comezo na sede do Consello Regulador da D.O. Monterrei e estenderase até o vindeiro martes 5 de agosto.

O curso, estruturado en 6 xornadas cunha duración total de 30 horas, imparte nocións teóricas e prácticas no referente aos mecanismos de cata: o procedemento, ferramentas e desenvolvemento, vocabulario, identificación de defectos…contando para iso cun elenco de recoñecidos profesionais como Alfonso Losada Quiroga (técnico de EVEGA), Xosé Carballido (técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar), Luís Buitrón Barros (presidente da Asociación de Enólogos Galegos), Lorena Lara Fernández (técnica EVEGA) ou Carlos González Portela (membro de AGASU). Subxace no programa o obxectivo de trasladar aos alumnos o coñecemento dos viños do cinco denominacións de orixe galegas, as súas características e trazos diferenciadores fronte a viños producidos noutras zonas de España.

Na súa xornada de arranque o curso realiza mención especial aos viños da Denominación de Orixe Monterrei. O director técnico do CRDO Monterrei, Luís Miguel López Núñez, estará a cargo esta tarde dun seminario de introdución á D.O. e guiará a degustación dos principais perfís e varietais que se elaboran nesta rexión vitivinícola.

Rexistrouse un gran éxito de convocatoria neste curso que conseguiu cubrir todas as prazas ofertadas. De carácter gratuíto, pretende formar como catadores e valorizar o viño galego entre un público diverso que inclúe elaboradores, hostaleiros e estudantes, sen perder de vista aos consumidores.

29 de xullo de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.