publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A rede pública de albergues da Vía da Prata rexistraou 3.965 pernoitas en maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MezquitaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, xunto co presidente da Asociación Vía da Prata Ourense-Camiño Mozárabe, José Luis Rodríguez Cid, visitaron o Alto da Canda con motivo da colocación dunha mouteira no comezo da Vía da Prata en Galicia. No acto participaron tamén os alcaldes da Mezquita, Puebla de Sanabria e Lubián. Partindo do Alto da Canda, no límite entre Ourense e Zamora, realizaron despois un percorrido dun tramo desta ruta, que rexistrou na súa rede de albergues pública no mes de maio un total de 3.965 pernoitas, isto é, un 6,4% máis que en maio de 2013.

Nava Castro resaltou que “o Camiño de Santiago é a mellor das nosas portas de entrada a Galicia. Aquí, no Alto da Canda, os peregrinos descobren a entrada á terra meta dos Camiños de Santiago e o comezo do Camiño en Galicia que os levará a contemplar as torres da catedral”.

Segundo dixo, nos seis primeiros meses deste ano, recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino un total de 81.685 peregrinos, dos que o 61,42% foron estranxeiros. Esta cifra supón un incremento do 9,37% a respecto da cifra de peregrinos recibidos nos seis primeiros meses do ano pasado.

No que vai de ano percorreron a Vía da Prata un total de 3.562 peregrinos, un 1,16% máis que no mesmo período do ano pasado. Así mesmo, entre xaneiro e maio, os albergues da Vía da Prata en Galicia rexistraron un total de 6.786 pernoctacións, un 1,28% máis que entre xaneiro e maio do ano pasado.

En todo o ano pasado percorreron as rutas xacobeas peregrinos de máis de 150 países o que corrobora o alcance internacional que ten a ruta a Compostela. Segundo explicou a directora de Turismo, trátase dunha ruta en plena actualidade que está considerada a nosa icona turística diferencial, un dos nosos elementos desestacionalizadores e captador de turistas internacionais, en definitiva un produto que posiciona Galicia como marca e como destino único.

Segundo dixo, foi por isto que o Camiño de Santiago foi incluído na primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia 2013-2016 e considerado como o eixe vertebrador das novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.

Enmarcadas dentro desta liña se atopan diferentes accións como o desenvolvemento dun Plan Director do Camiño de Santiago con especificacións para cada unha das rutas e definindo directrices que contribúan á mellora dos aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización ou a mellora dos servizos turísticos entre outras medidas.

Plan Director do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia resaltou tamén o feito de que Galicia contará por primeira vez cun Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago. O documento ten por obxectivos a correcta atención das rutas de peregrinación, fixará as accións a desenvolver para preservar a esencia do Camiño de Santiago contemplando todos os factores que inflúen no mesmo, e definirá as relacións entre os axentes implicados.

O Plan director do Camiño revitalizará, promocionará e promoverá o estudo e investigación das rotas xacobeas, a súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial. O Plan estratéxico do camiño de Santiago conformarase con documentos que especifiquen unha fase previa de determinación clara da finalidade do plan e mais con documentos que conteñan a elaboración do plan divididos en retos prioritarios, liñas estratéxicas, propostas de actuación urxente, propostas de actuación.

De igual modo, Nava Castro incidiu en que, dende o seu departamento, se traballa na posta en marcha do Smart Camiño coa cal se persegue a consolidación do Camiño de Santiago como un recurso intelixente e sostible a través da aplicación da innovación e a tecnoloxía.

Relevancia do traballo asociativo

Existen máis de 200 Asociacións de Amigos do Camiño en todo o mundo, algunhas delas desagregadas en varias delegacións, e calcúlanse preto de 80 mil asociados. Isto da lugar a unha extensa rede que xira entorno á difusión dos valores turísticos e culturais da Ruta Xacobea.

Segundo explicou a directora de Turismo, este ano, con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a capital de Galicia acollerá o primeiro Cumio Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño en Santiago. Un evento histórico que quere simbolizar o agradecemento de Galicia a todos este traballo colectivo a prol da Ruta Xacobea.

1 de xullo de 2014 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.