publicidade hoxe

A praia das Catedrais contará cun servizo de guías medioambientais para a conservación do contorno do areal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia poñerá en marcha o próximo xoves un novo servizo dentro do plan de actuación para a conservación da praia de As Catedrais. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou hoxe que dende o próximo xoves, “un servizo de guías medioambientais encargarase de atender na zona, na que darán información sobre o enclave e divulgarán os valores medioambientais deste entorno”.

En quendas rotatorias, sempre estarán dispoñibles tres traballadores, que se encargarán das devanditas labores divulgativas e de conservación. Os técnicos traballarán dende o día 24 tódolos días, de luns a domingo, nun horario de 10.00 a 20.00 horas, segundo indicou a delegada territorial.

Entres as funcións básicas dos guías están: información de puntos que poidan entrañar problemas para os visitantes así como para unha degradación do ecosistema, explicación sobre os compoñentes xeolóxicos que conforman a praia e desenvolvemento de actuacións divulgativas no ámbito da educación ambiental con relación a este contorno. Así mesmo, os profesionais informarán sobre as mareas, cuestión particular nesta praia ao cubrir toda a area.

Arias explicou que “estas actuacións témolas que entender a medio prazo, xa que é preciso crear un plan de conservación que resolva as circunstancias especiais desta praia que se veñen repetindo nos últimos anos”.

Estas actuacións súmanse ao proxecto de reforzo dos paneis de advertencia, información e promoción, non só do monumento natural, senón de todos os valores desta costa. As xuntanzas técnicas para o desenvolvemento do plan de actuación da praia das Catedrais continuarán nos vindeiros días, coincidindo xa co inicio da instalación dos paneis, ao tempo que avanza a redacción do plan de conservación.

A Xunta leva a cabo unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sustentable do recurso turístico.

Tal e como recoñeceu a delegada, este plan ten dúas fases: a inmediata, na que se encadra a posta en marcha do servizo de guías, e outra a medio prazo, que consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais. A este respecto, Arias concluíu que “esperamos ter un documento listo para a exposición pública este mesmo verán”. No seu conxunto, estas dúas medidas implican un investimento de 160.000 euros, que serán achegados polo Goberno galego.

21 de xullo de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.