publicidade hoxe

A planta de GNL de Santa Comba localizarase nunha parcela próxima ao parque empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

A planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado –GNL-, que a empresa Gas Galicia ten previsto desenvolver en Santa Comba, situarase finalmente nunha nova parcela que conta co consenso e o visto bo de todos os axentes implicados.

Atendendo á vontade manifestada polos veciños, o Director Xeral de Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces, o alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira e a propia compañía, teñen buscado un novo emprazamento, que permitirá asentar o complexo nun terreo próximo ao polígono da localidade.

A cooperación entre as partes implicadas resultou clave para atopar unha solución de consenso de cara a desenvolver esta actuación nunha parcela que reúne todas as condicións técnicas necesarias para o desenvolvemento do proxecto, mellorando incluso a anterior situación –prevista no lugar de Mourelle– na calidade dos seus accesos.

Neste sentido, aínda que o emprazamento inicialmente previsto cumpría estritamente coa normativa vixente, a nova finca próxima ao polígono conta coa idoneidade técnica necesaria para a construción da planta así como co consenso do alcalde e os veciños. A aprobación da nova situación publicarase nos próximos días no DOG.

23 de xullo de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.