publicidade hoxe

A Laracha rexistra unha taxa de doazón de sangue superior á media galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a responsable das áreas de prensa e comunicación do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Ángeles Pazos, presentaron hoxe no Salón de Plenos a campaña estival de doazón de sangue, cuxo lema é “Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea”.

O rexedor agradeceu ao CTG que “escollese A Laracha como o primeiro municipio da comarca no que se presenta este ano a campaña de verán” e afirmou que, co obxectivo de informar á veciñanza e impulsar a iniciativa, durante as últimas semanas realizáronse senllas campañas incluíndo a distribución de máis dun milleiro de cartas en vivendas particulares do todo o termo municipal e a petición de apoio, colaboración e implicación por parte do tecido asociativo do Concello, ao tratarse de entidades que están a diario en contacto cos veciños.

José Manuel López Varela agarda que a poboación larachesa acuda, como cada ano, a esta chamada para mostrar a súa solidariedade e “axudar a salvar vidas nunha época na que se precisa especialmente o apoio da xente”.

Ángeles Pazos lembrou que o verán é unha época “delicada” para o CTG porque durante estes meses o número de urxencias é maior ao existir máis desprazamentos por estradas e, por tanto, máis accidentes de tráfico, cifrando en cincocentas as doazóns diarias que se precisan na nosa Comunidade autónoma.

A representante do CTG agradeceu o apoio do Concello, afirmando que “A Laracha é un dos municipios máis implicados da provincia na difusión e promoción desta campaña”, o que anima á poboación a realizar o “xesto xeneroso de compartir saúde e vida”.

Como dato relevante, o Concello da Laracha presenta unha taxa de 42 doazóns por cada mil habitantes e ano, alcanzado no pasado exercicio a cifra absoluta de 479 e situándose por encima da media galega

Cabe lembrar que para ser doante os únicos requisitos son ser maior de idade, pesar máis de cincuenta quilos e ter unha saúde normal. Como precaucións a ter en conta, é preciso que transcorra un período de dúas horas despois de disfrutar dunha xornada de sol nas praias antes de realizar a doazón e, no caso de facela pola mañá, o doador debe ter almorzado previamente.

Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil do CTG. O martes e o mércores da próxima semana estarán en horario de 10.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 21.00 pola tarde.

No mes de setembro, en datas aínda por concretar, a unidade móbil do CTG visitará as localidades de Paiosaco e Caión.

18 de xullo de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.