publicidade hoxe

A Feira do Libro da Coruña érguese como unha das de maior interese e proxección da comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá en rolda de prensa a Feira do Libro da Coruña, da que salientou a súa importancia como foco dinamizador da actividade cultural da cidade, supoñendo a súa celebración “unha oportunidade de progreso cultural para o conxunto da sociedade galega”. Tamén deixou constancia da importancia da cita coruñesa en particular, tanto polo importante número de editoriais e librerías que participan como polas persoas que se achegan cada ano, incluíndo un importante elenco de autores entre os que se atopan Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Luz Pozo Garza, David Pintor, Rosa Aneiros, Alfredo Conde, Yolanda castaño, Marta Rivera de la Cruz ou Xosé Neira Vilas. Isto, xunto ao completo programa de actividades arredor do libro e da lectura, converten o evento coruñés –dixo- “ nun dos de maior interese e proxección da nosa Comunidade Autónoma”.

Contacontos e obradoiro

Vazquez Abad tivo na súa intervención palabras de agradecemento para o labor da Biblioteca Nodal da Coruña, a González Garcés, pola organización de actividades na caseta que van ter instalada na feira. Nela, ademais de cunha pequena biblioteca para os máis pequenos, celebrarase un contacontos para nenos de entre 3 e 8 anos ou un obradoiro de banda deseñada para que os rapaces de 7 a 15 anos fagan o seu propio tebeo axudados por Santy Gutiérrez. Para fomentar o uso da biblioteca ao longo de todo o ano como un lugar onde as nenas e nenos poden aprender a amar a lectura a través de diferentes e variadas actividades, haberá dúas sesións: unha de presentación da biblioteca e do seu funcionamento aos máis novos e outra que consistirá nunha charla informativa para os pais sobre a web, redes sociais e o blog da sala infantil da González Garcés.

A federación de Libreiros de Galicia, o Concello, a Deputación, as asociacións e todos os participantes tamén tiveron cabida no recoñecemento do conselleiro “ por apostar polo futuro da nosa industria do libro e da nosa literatura”. No acto, acompañaron ao titular de Cultura e Educación a concelleira de Cultura, Ana María Fernández e a coordinadora da Federación de Libreiros, Nani Regueira.

Máis feiras e incremento do orzamento

A consellería de Cultura e Educación implicase este ano na organización de 12 Feiras do Libro de Galicia, 1 máis que o ano pasado e 5 máis ca no ano 2012; e tamén promove o sector do libro máis alá das nosas fronteiras co apoio á presenza de autores e editoriais galegas nas feiras internacionais de Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México). O investimento para o conxunto de actuacións ascende a preto de 275.000 euros, o que supón un incremento do 11% respecto ao ano 2013.

30 de xullo de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.