publicidade hoxe

A Eurocidade Tui-Valença acolle o 1º Campionato Ibérico de Triatlón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesTui
A-
A+

A Eurocidade Tui-Valença será o escenario esta fin de semana da terceira proba do 1º Campionato Ibérico de Tríatlon en distancia olímpica e longa distancia que se vai celebrar este domingo 3 de agosto.

A proba consta de 1,5 quilómetros de natación, 40 quilómetros en bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pé para os que participen na proba olímpica, e de 1,9 quilómetros a nado, 90 quilómetros en bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pé para aqueles que o fagan en longa distancia. Serán 150 deportistas os que participen nesta competición o domingo.

O parque de Nosa Señora da Cabeça en Valença será o lugar onde comece a proba e onde estará situada a zona de transición entre as distintas disciplinas. Ás nove da mañá comezará a competición no río Miño dende o Parque de Nosa Señora da Cabeça coa proba de natación, a continuación os participantes realizarán a proba de bicicleta por Valença e por último a carreira a pé levaraos ata Tui pola beira do Miño e o conxunto histórico para cruzar a liña de meta no Paseo da Corredoira onde se agarda que cheguen os primeiros participantes da proba olímpica entorno ás 11h, e ás 13h os primeiros da proba de longa distancia. Será un competición moi espectacular coa singularidade de realizarse entre dous países.

A presentación deste 1º Campionato Ibérico de Tríatlon tivo lugar esta mañá na Cámara de Valença, contando coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Nicolás Lorenzo e José Monte, así coma Enrique Hidalgo en representación da Federación Galega de Triatlón, Miguel Martínez da empresa Fullsport organizadora do campionato, e do triatleta tudense Gustavo Rodríguez que encabeza arestora a clasificación do campionato.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, afirmou na presentación deste campionato que “o espírito ibérico maniféstase nesta proba” da que destacou a súa dureza así coma espectacularidade, salientando que os deportistas de tríatlon teñen que ter unha gran fortaleza tanto física coma mental. Agradeceu a organización que teña elixido a Eurocidade para a realización do Campionato.   O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, salientou coma a Eurocidade foi gañando experiencia nos últimos anos na organización de eventos deportivos, unha experiencia coa que dicía se acomete agora a realización deste Campionato Ibérico. Precisaba o mandatario valenciano que “a Eurocidade é hoxe un referentes porque responde ao espírito da Europa das rexións”.

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, afirmou que “esta seguro que será unha das probas máis vistosas do Campionato Ibérico” salientou que une dous países e que atravesará a vella ponte internacional. Mentres o vereador de Desporto de Valença, José Monte, destacou coma esta proba é un evento máis do calendario deportivo da Eurocidade que está a celebrarse ao longo de todo o ano.

Miguel Martínez da empresa Fullsport destacou coma a proba que terá lugar na Eurocidade Tui-Valença cumpre a perfección o significado ibérico do campionato ao celebrarse en dous países coa colaboración dos dous municipios. Agradeceu o apoio recibido para levar adiante esta competición. Mentres Enrique Hidalgo da Federación Galega de Tríatlon deixou constancia do apoio da federación a esta proba eloxiando o formato co que se vai celebrar.

O triatleta tudense Gustavo Rodríguez, actual líder do Campionato Ibérico, salientou que será para el unha honra competir neste proba de longa distancia na casa. Destacou que se trata dunha competición para disfrutar e para dar a coñecer este deporte desexando que este domingo sexa “un gran día e unha festa do tríatlon”.

29 de xullo de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.