publicidade hoxe

A Deputación pon en marcha un plan de control financeiro das subvencións a asociacións e entidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe en rolda de prensa a posta en marcha dun plan de control financeiro da institución provincial para as subvencións que concede cada ano.

Segundo explicou, trátase de realizar unha “auditoría in situ” sobre as subvencións e os beneficiarios das axudas que outorga a Deputación de Pontevedra, “non só o control interno senón tamén contrastar cos beneficiarios do uso da axuda concedida”.

Louzán explicou que no ano 2013 a Deputación de Pontevedra tramitou 2.000 expedientes de subvencións a asociacións e entidades, cun volume de gasto de 7,3 millóns de euros.

“Desta auditoría de subvencións eliminaremos os concellos porque xa teñen órganos de control externo para iso, coma o Consello de Contas, e eliminaremos tamén as axudas de menor contía, co que quedan un total de 264 entidades a auditar para o control financeiro, cun volume económico de 4,5 millóns de euros”, afirmou Louzán.

A medida, segundo o presidente, pretende non só afondar na transparencia da institución e das entidades coas que colabora senón comprobar o uso que se fai do diñeiro público.

Para incrementar e potenciar esta nova iniciativa a Deputación impartirá cursos de formación dirixidos a directivos e responsables de asociacións e entidades para informar dos distintos trámites e xeitos correctos de tramitar e utilizar as subvencións.

18 de xullo de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.