publicidade hoxe

A Deputación de Lugo convoca aos veciños do partido xudicial de Monforte para elaborar os orzamentos participativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A Deputación de Lugo convocou para mañá martes, unha xuntanza cos veciños do partido xudicial de Monforte, para elaborar os orzamentos participativos do 2015, os primeiros dun organismo provincial en España. A asemblea terá lugar no Centro do Viño, ás 20:30 horas, e poderá participar calquera persoa maior de 16 anos de idade empadronada no propio municipio monfortino e nos de Bóveda, O Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.
 
Continúan deste xeito as asembleas que a institución está a organizar por toda a provincia co fin de recoller as propostas e opinións dos veciños de cara á elaboración duns orzamentos nos que, por primeira vez, os lucenses teñen voz.
 
O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

– Haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.

– Abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.

– Os veciños cubrirán ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Preferencias

Nas cinco xuntanzas xa celebradas ata o momento -na Fonsagrada, Viveiro, Chantada, Vilalba e Sarria- as opcións maioritarias marcadas polos máis de 200 asistentes foron a creación de emprego, as políticas sociais e as infraestruturas.

Trala cita de mañá en Monforte de Lemos, as xuntanzas participativas continuarán o día 29, en Becerreá; o 30 en Mondoñedo; e o 31 en Lugo.

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer xa e ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de se se teñen celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.

Os seguintes pasos

Ata o 10 de setembro, os veciños opinarán sobre as súas prioridades. En base ó que manifesten, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

21 de xullo de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.