publicidade hoxe

A Deputación de Lugo converte Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes no Pazo de Tor un Plan Integral para facer das máis de 180 hectáreas deste patrimonio público situado no Concello de Monforte de Lemos un espazo de actividades cinexéticas, apícolas, agropecuarias e silvícolas, “converténdose deste xeito no centro público de Galicia coa oferta máis variada dedicada á promoción económica do rural”. O organismo provincial realizará un investimento de 885.000 euros neste “ambicioso e innovador proxecto”, co que “saldamos unha débeda histórica coa provincia, despois de resolver as numerosas e gravísimas irregularidades que nos atopamos en Tor ó chegar ó Goberno”, explicou Gómez Besteiro.

Xunto ó Presidente, no acto de hoxe estiveron o presidente da Sociedade de Caza Val de Lemos, Manuel Casares; o presidente da Asociación Lucense de Caza, Francisco López Penela; o secretario do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Javier García; e Gonzalo Calvo, da Asociación Galega de Apicultura, entre outros representantes destes sectores.

Punto de partida

“Moitas veces para facer, hai que desfacer”, indicou o Presidente, lembrando que “estes últimos anos tivémonos que dedicar a resolver as numerosas e gravísimas irregularidades que nos atopamos en Tor”.  De feito,  o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou este mesmo ano as dúas primeiras sentenzas ó respecto, nas que avala as medidas que tomou a Deputación para disolver a Fundación Tor. Ademais, a Fiscalía mantén abertas varias investigacións sobre a xestión que fixo desta entidade o anterior executivo provincial do PP: “un dos maiores ataques medioambientais ocorridos na provincia, que non pode quedar impune”, asegurou Besteiro.

Entre estas “auténticas aberracións” están talas masivas que provocaron danos por valor de máis de 1 millóns de euros; a morte de numerosos animais; cazas ilegais dentro da finca, nas que se empregaron armas prohibidas e animais vivos como chamariz; e gastos sen xustificar a cargo da Fundación, como viaxes a Johannesburgo, Namibia, Tanzania, Miami, Italia, Dublín, con custes duns 20.000 euros soamente en concepto de billete e taxas; ademais de telepeaxes, estancias en hoteis de luxo ou aluguer de vehículos para vacacións.

Ante esta situación, o actual Goberno provincial e os empregados públicos da institución tiveron que levar a cabo un laborioso e complexo proceso: actuar diante da Axencia Tributaria,  o Rexistro da Propiedade, abrir novas contas bancarias, cambiar as pechaduras, alimentar ós animais, limpar e acondicionar as instalacións, facer indagacións na Xunta de Galicia, na DGT, na Subdelegación do Goberno… ata que, finalmente, puido liquidar a Fundación Tor e saldar todas as débedas procedentes da etapa do Goberno do Partido Popular, o que conseguiu no ano 2009.

Cinco piares

Despois de dar carpetazo a todas estas anomalías, e pendentes de que os xulgados sigan tomando resolucións, a Deputación arranca un Plan Integral para Tor, “un proxecto no que levamos traballando moitos meses e que se converterá nunha das insignias desta institución”, afirmou Besteiro.

O plan leva consigo a redistribución das máis de 180 hectáreas de terreos e dos seus usos. Consta de cinco piares básicos:

– A creación dunha granxa cinexética na finca principal, de 20 hectáreas, destinada á cría de perdiz e coello de monte. Comezarase coa implantación de 80 parellas de perdices, que aumentarán ata 400 cando se consolide o proxecto. A Xunta de Goberno aprobará o vindeiro luns o anteproxecto para a primeira fase das obras, cunha dotación de 525.816 euros. O seguinte paso será pedir licencias ó Concello de Monforte e ás demais administracións competentes, polo que o inicio dos traballos dependerá do que se prolonguen estes trámites.

“Coa granxa cinexética de Tor reforzamos a aposta por este sector que fixemos coa primeira sala pública de despece de produtos cinexéticos de Galicia que estamos rematando no Concello da Fonsagrada”, destacou Besteiro. Como mostra da importancia social e económica que a caza ten na provincia, o Presidente apuntou que Lugo conta con preto de 11.000 cazadores federados -o 22% dos 50.000 que hai en Galicia- e a actividade xera uns 30 millóns de euros ó ano. Trátase ademais da provincia galega cun maior número de tecores, un total de 152, que ocupan o 90% do territorio lucense: 8.900 quilómetros cadrados.

– Creación do primeiro centro público de produción apícola do noroeste de España. Cunha extensión de 5.000 metros cadrados, servirá para abastecer de enxames ós case 1.700 apicultores da provincia, potenciando ó mesmo tempo unha actividade económica que xera hoxe uns 4 millóns de euros ó ano en Lugo. A primeira fase dos traballos conta con 32.331 euros e comezará despois do verán.

Cultivo de cereal nunha parcela de 13,5 hectáreas co fin principal de abastecer en parte as necesidades da granxa cinexética. O investimento inicial para esta iniciativa pioneira en Galicia será de 17.351 euros.

Viveiro de árbores, como castiñeiros e carballos, entre outras especies frondosas autóctonas. Cunha extensión de 10 hectáreas, converterase no complexo público deste tipo máis grande da provincia. Para arrancar, conta con 49.304 euros.

– Potenciarase un espazo para formación e prácticas, principalmente na agricultura ecolóxica, que xa existe en Tor. De feito, nos últimos meses a Deputación ofreceu neste lugar cursos sobre produción ecolóxica a través do plan de emprego Fórmate en Verde.

Agora reforzarase a formación nunhas instalacións cunha superficie total de 9 hectáreas, que conta con aulas homologadas. 

A maiores de todo isto, Tor conta cunha parcela de 118 hectáreas de produción silvícola, que se atopa hoxe en recuperación despois das talas efectuadas; unha zona de lagos de 9 hectáreas na que aniñan varias aves acuáticas e serve para o rego de cultivos; e naves que antes se empregaban para gando vacún e que agora se aproveitarán para prestar servizo a outras actividades, como a granxa cinexética, a produción silvícola e agropecuaria, ou o viveiro forestal.

22 de xullo de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.