publicidade hoxe

A Delegación da Xunta na Coruña autoriza o reforzo das medidas de control da poboación do xabaril en Cariño e Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariñoOrtigueira
A-
A+

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña ven de autorizar á agrupación de cazadores do Ortegal a adopción de medidas para reforzar o control da poboación do xabaril nos concellos de Cariño e Ortigueira. Así, levaranse a cabo actuacións de dispersión destes animais con cans ceibos, que se comezarán a aplicar os vindeiros sábado e domingo e manteranse durante a última fin de semana de xullo e as de todo o mes de agosto.

As zonas de intervención correspóndense coas parroquias de Loiba, Santiago de Mera, As Neves, San Hadrián, Devesos e Couzadoiro, no concello de Ortigueira, e, por outra banda, coas de Landoi, Cariño e A Pedra, no municipio de Cariño. Tamén se actuará no ámbito dos humidais incluídos no convenio Ramsar. Trátase, segundo constataron o propio colectivo de cazadores e os técnicos do servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Xunta, das zonas máis afectadas por esta especie, que está a provocar danos tanto no ámbito agrícola como no relativo á seguridade viaria e incluso nas áreas urbanas. En ningún caso se portarán armas, pola proximidade ás vivendas.

Desde o departamento autonómico estase a facer un seguimento da situación real desta problemática e mantéñense conversas de xeito continuado tanto cos representantes dos sectores afectados por esta situación como dos propios concellos para minimizar o imparto que xera a superpoboación desta especie sobre as colleitas, as zonas verdes e o tráfico. De feito, nos últimos tempos Conservación da Natureza vén esixindo de xeito rigoroso aos tecores o cumprimento dos cupos de captura de xabaril establecidos no Plan de ordenación dos recursos cinexéticos.

Na mesma liña, dende a Xunta tomáronse unha serie de medidas como a clasificación dos concellos segundo a intensidade dos danos ocasionados polo xabaril, a ampliación do período hábil de caza e a axilización administrativa para autorización de batidas. O resultado final destas medidas é o incremento de capturas de xabaril na provincia da Coruña, tendo en conta que nas últimas tres tempadas constátase un aumento do 63% respecto a anos anteriores.

Desde o departamento autonómico tamén se recorda aos propietarios a obrigatoriedade de manter limpas as súas fincas, co fin de evitar o asentamento de piaras. Neste senso, o servizo de Conservación ven de remitir un escrito ao concello de Cariño instándolle a exercer esta obriga, tras recibir diversas queixas por parte das veciñas e veciños do municipio.

17 de xullo de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.