publicidade hoxe

A Banda de Chantada e a Deputación ofrecen unha novidosa programación de actividades en impulso á Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugo
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada da secretaria da Banda de Música de Chantada; María González Varela, e de dous membros da mesma; Emilio Vázquez Guerra e Xoán Vence Argiz; presentaron, este xoves, as actividades da cuarta edición do Campus Musical e Artístico de Chantada: “Ventos do Norte”. É a programación, organizada pola Banda de Música de Chantada, coa colaboración de Deputación e Fundación TIC, que terá lugar dende o luns 4 ó sábado 9 de agosto na comarca de Chantada, en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, e que inclúe actividades en impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: a gravación dunha curta, seminarios de formación, creación de música inédita, elaboración de Unidades Didácticas e espectáculos diarios de música en vivo polas rúas. O prazo de inscrición está aberto ata o 18 de xullo, podendo realizar as solicitudes na Casa da Cultura de Chantada ou na páxina web www.ventosdonorte.com; aportando, para elo, unha cantidade simbólica de dez euros.

Como novidade, gravarase unha curta en homenaxe á Ribeira Sacra, que se difundirá en soporte DVD –unhas 1.500 copias- e en redes sociais, grazas á colaboración da TIC. A Ribeira Sacra é a esencia da curta “Ventos do Norte”, que ten como fío condutor a música que compoñerá o músico Antón Alcalde, un dos compositores galegos máis importantes na actualidade. O filme estará protagonizado por cinco personaxes: a Ribeira Sacra, o maior expoñente do que se coñece como Viticultura Heroica, unha viticultura famosa polas condicións do terreo dos bancais; un viticultor, que representa a todos os que traballan con vides e perseguen a exaltación dos seus produtos; a Banda de Chantada, que enche a Comarca de alegría coas súas notas; cativos e cativas da zona que representan a inocencia, a curiosidade e o atrevemento; e o Monte do Faro, corazón de Galicia.

Celebraranse tamén seminarios de formación: clases instrumentais, clases de música e de movemento para persoas con inquietudes musicais de 6 ata 80 anos; ademais de crearse música orixinal e inédita para distintos formatos de agrupación instrumental e estrearse a música “Ventos do Norte”. Elaboraranse, tamén, Unidades Didácticas para os centros educativos, que recollerán os resultados das actividades realizadas no campus sobre as emocións básicas (alegría, tristeza, medo e rabia). Por último, haberá espectáculos diarios de música viva nas rúas da comarca de Chantada para acercar a actividade musical ós cativos, ós pais e a todos os veciños.

150 anos ininterrompidos da Banda de Música de Chantada

A Banda de Música de Chantada, que leva 150 anos ininterrompidos levando a música a todos os recantos da xeografía galega, é unha das agrupacións máis antigas da provincia de Lugo e de Galicia. Foi creada no ano 1865 polos irmáns Manuel e Antonio Fernández, “Os Ferraias”, que se fixeron cargo dun pequeno grupo de músicos ós que impartían clase na súa propia casa; animando festas das parroquias limítrofes. Nesta época “Os Ferraias”  compuxeron a popular Muiñeira de Chantada. Nos últimos anos, o colectivo participa nos festivais máis prestixiosos de Galicia, acadando no 2007 o 2º Premio no I Certame Galego de Bandas de Música na sección 3ª.

10 de xullo de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.