publicidade hoxe

A Asociación de Gaiteiros Galegos celebra en Guitiriz a XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioGuitiriz
A-
A+

Un ano máis a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a “XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional”.

Este ano, no que a AGG está a celebrar o seu 25 aniversario, é un ano de celebración e ilusión para tod@s @s que dun xeito ou outro forman parte desta asociación. En todos estos anos traballouse a reo para darlle á nosa música tradicional o espazo que merece na sociedade a través de diversos congresos, seminarios, xornadas, traballos audiovisuais, publicacións, obradoiros e, como non, mostras de instrumentos de música tradicional como a que vai ten lugar esta fin de semana no Festival de Pardiñas. Chegar ata aquí foi un traballo colectivo de todas as persoas que dalgunha maneira contribuíron e contribúen a que a nosa música tradicional siga máis viva que nunca.

XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

Durante as xornadas do 2 e 3 de Agosto, no marco incomparable do Festival de Pardiñas, os 27 artesáns de instrumentos musicais cos que contará a mostra, abrirannos unha fiestra aos seus obradoiros amosando o seu bo facer.

Pero haberá moito máis, xa que se trata dunha festa na que non poden faltar as actuacións en directo, obradoiros, o baile tradicional e as foliadas.

A apertura da mostra terá lugar o sábado ás 17.00 horas, nese preciso instante terá lugar o pregón da “XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional” que nesta ocasión correrá a cargo de Afonso Blanco Torrado, sacerdote, mestre e dinamizador cultural galego afincado en Guitiriz, fundador e coordinador da “Asociación Cultural Xermolos” e promotor do Festival de Pardiñas. El como ninguén saberá guiarnos pola historia que nos fixo chegar ata aquí e entusiasmarnos con todo o que nos queda por vivir tanto no Festival de Pardiñas como na súa Mostra de Instrumentos Tradicionais.

31 de xullo de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.