publicidade hoxe

A Asociación de Empresarios de San Cibrao analiza o financiamento con aval para as pemes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O ciclo de Almorzos Empresariais que impulsa a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas para analizar e abordar desde novos enfoques a realidade económica da provincia de Ourense, tivo continuidade esta mañá cunha xornada dedicada a presentar en que situacións e baixo que condicións resulta beneficioso para as pemes recorrer ás liñas de financiamento con aval, nas que non intervén directamente a banca.

Unha vintena de empresarios e de responsables do departamento financeiro de empresas asociadas seguiron a intervención de Alberto Blanco, delegado de Sogarpo en Ourense, que foi o relator desta xornada sobre alternativas para o financiamento de plans de negocio.

En primeiro lugar detallou a forma de acceder aos préstamos ICO con subsidiación do Igape, que cando benefician a empresas que pola súa produción ou servizos están dentro do rango das actividades subvencionables, poden incluír a subsidiación do tipo de interese e da comisión anual que cobran as sociedades de garantía recíproca. Precisou que, neses casos, o custo anual do préstamo adoita oscilar entre o 1% e o 1,5%.

A continuación detívose nas diferentes liñas de circulante, entre as que destacan as que dan cobertura ás operacións nos mercados exteriores, como os anticipos de exportación, o factoring internacional, o crédito documentario e o financiamento de importacións. O delegado provincial de Sogarpo dedicou o terceiro bloque da súa charla á análise dos avais non financeiros, en concreto aos avais técnicos (garantías para a execución dunha obra ou servizo), que teñen un tipo de interese do 0,5% anual, e aos avais económicos (garantías ante provedores), cun tipo do 1,5% anual.

Na presentación do segundo Almorzo Empresarial, o secretario da Asociación de Empresarios de San Cibrao, Artur Yuste, mostrou a preocupación do empresariado do Polígono ante estatísticas como a do capital desembolsado pola constitución de sociedades mercantís na provincia de Ourense, xa que as cifras actuais poden estar a indicar á vez un descenso na posta en marcha de novos proxectos empresariais e unha perda de fluidez do crédito na primeira metade do ano.

Artur Yuste apuntou que de xaneiro a maio, na provincia de Ourense inscribíronse 181 novas sociedades. Esta cifra aproxímase moito á do mesmo período de 2013, cando foran un total de 190. Con todo, indicou que “no que si que existe unha gran diferenza é no capital desembolsado. Nos cinco primeiros meses de 2014 foron 6 millóns de euros e nos mesmos meses do ano pasado foron máis de 43,5 millóns. Xa sabemos que o dato do capital desembolsado oscila moito mes a mes, porque cunha ou dúas constitucións grandes pódese disparar, pero aínda así esa estatística provincial resulta preocupante”, puntualizou.

O Ciclo de Almorzos Empresariais do AE do Polígono de San Cibrao iniciouse a semana pasada cunha xornada sobre comercio exterior para empresas que se están iniciando na exportación e continuará o próximo xoves cunha nova charla sobre financiamento empresarial, pero esta vez desde o enfoque da banca.

3 de xullo de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.