publicidade hoxe

Uns cincocentos veciños participaron na XVII Festa do Maiores de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Festa dos maiores de Frades

Festa dos maiores de Frades

Case cincocentas veciños e veciñas participaron na XVII Festa dos Maiores de Frades, celebrada este sábado na carballeira de San Nicolau (Frades). Un acto que estivo presidido polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e polo deputado autonómico Miguel Prado Patiño, quen escusou a presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

O acto comezou ás 13:00 horas cunha misa, cantada polo grupo folclórico Sarillo (da parroquia de Aiazo) quen tamén se encargaron de animar os postres do xantar. Tras a misa celebrouse o xantar de confraternidade, gratuíto para todos os asistentes e servido polo restaurante Casa Taboada (Touro). Como todos os anos, o menú estivo composto por empanada, polbo e carne asada, con torta larpeira e xeado de postre.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradeceu a asistencia dos maiores e convidounos a “coñecer as distintas actividades que dende os Servizos Sociais de Frades ofrecemos para aqueles que teñades unha mobilidade reducida ou algún grao de dependencia, como son os servizos de podoloxía ou perruquería a domicilio”. Pola súa banda, o deputado autonómico Miguel Prado aproveitou para lembrar que “esta mesma semana incrementamos dende a Xunta o número de prazas para dependentes”.

Homenaxeados récord

Como todos os anos, o Concello de Frades homenaxeou aos veciños maiores de 90 anos participantes na festa, que este ano estableceu un novo récord cun total de 16 homenaxeados. Os homenaxeados foron*: María Espiñeira García (93 anos. Aiazo), Rafael Suárez Lavandeira (90 anos. Abellá), José Suárez Botana (90 anos. Moar), Ramiro López Cotón (97 anos. Aiazo), María Novoa Bao (96 anos. Abellá), Manuel Moar Neidez (93 anos, Abellá), Visitación Bello Couceiro (93 anos. Ledoira), Dolores Ruanova Vilariño (92. Aiazo), Concepción Veiras García (91 anos. Aiazo), Clodomiro Cabanas Naveiro (91 anos, Aiazo), Dolores Dono Suárez (91 anos, Papucín), Jesús Carro Mandaio (92 anos. Papucín) e Enrique Mejide Lagares (92 anos. Papucín).

Este ano, o agasallo que recibiron estes 16 maiores foi unha figura policromada que reproducía as distintas parroquias de Frades. Un premio que tamén levaron o grupo Sarillo, pola súa colaboración nos actos que organiza o Concello de Frades, e o dúo Eva e Camilo, que levan xa varios anos amenizando musicalmente esta festa.

Precisamente, Eva e Camilo puxeron a música tras a homenaxe e non foron poucos os que se animaron a botar unha bailas, maiores de noventa anos incluídos. Os que non se animaron a bailar participaron en distintos xogos populares instalados a carón da carpa, da empresa Garabato de Xogos. Especialmente seguidos foron os aros, a rá, os aros ou os crebacabezas.

2 de xuño de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.