publicidade hoxe

Unhas 300 persoas participarán nas diversas actividades do Surf Camp en Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugoViveiro
A-
A+

O 4º Surf-Camp organizado pola Deputación de Lugo arranca mañá venres pola tarde no paseo marítimo de Viveiro. Unhas 300 persoas participarán durante toda a fin de semana nas múltiples actividades incluídas no encontro, que terán lugar en diversos puntos da comarca da Mariña. Logo do éxito de edicións anteriores, o organismo provincial reedita o Surf-Camp co fin de consolidar o ocio medioambiental como oportunidade económica da Costa lucense e do resto da provincia. As prazas desta 4º edición están cubertas para o sábado. Queda soamente un 10% libre para a sesión do domingo. Os interesados poden anotarse chamando ó número de teléfono 633-859-227.

Este ano, duplícase a formación gratuíta da man de profesionais do surf en España, ofrecendo por vez primeira distintos niveis segundo o grao de coñecemento, e increméntase o número de prazas, tamén a custe cero, para todas as actividades incluídas no programa.

Os mellores surfers de Europa

O Surf-Camp reunirá unha vez máis á elite de toda Europa desta modalidade deportiva, o que converterá á Mariña na capital do surf durante a última fin de semana de xuño. Algúns  dos mellores surfistas europeos teñen confirmado a día de hoxe a súa participación nas xornadas, durante as que ensinarán, de xeito totalmente gratuíto, a todo aquel que o queira as súas técnicas e coñecementos. Entre eles atopamos a deportistas como:

– Estitxu Estremo: surfista de elite que dende o ano 2000 foi tamén monitora en escolas de renome do panorama nacional; membro da Selección Nacional Absoluta dende o 2000 ó 2005; e campioa de Europa Absoluta de Surf e Longsboard, nos anos 1997-1999 e 2010, respectivamente.

– Aitor Francesana: seleccionador nacional e surfer con un grande espírito de superación xa que experimenta as olas e o mar a través de sensacións e emocións, debido á perda de visión que sofre. Foi tamén preparador do primeiro español en clasificarse ó WCT, Aritz Aramburu.

– Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante o Punta Galega EVE Challenge 2012.

– Daniel García: surfista veterano, avalado polos 30 anos que leva surcando as olas. Imparte clases na súa propia escola en Cantabria e foi vencedor da primeira proba combinada de surf e snowboard celebrada na comunidade cántabra o pasado ano, o “Obsession–A2 Fussion 2013”.

Haberá tamén representantes de federacións e asociacións de surf, así como medios especializados neste deporte, atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentrarán na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera pode surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.

Propostas para toda a familiaxornadas do Km0 Surf-Camp inclúen actividades libres e gratuítas pensadas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música. A programación é a seguinte:

– Venres: A xornada comezará ás 16:30 horas con multitude de actividades como  simulador de surf, percorridos en skate eléctrico e longskate e que se estenderán ata ás 19:30 horas. Unha hora antes, ás 18:00 horas será a inauguración do Surf Camp no paseo marítimo de Viveiro e terá lugar unha charla coloquio sobre o mundo do surf no salón de actos do Concello.

– Sábado: A xornada arrancará ás 11:00 horas, cando se impartirán os primeiros cursos de surf dirixidos a todos os niveis, na praia de Lóngara en Barreiros. Logo, ás 14:00 horas terá lugar unha comida popular na praia e, pola tarde, a partir das 16:00 horas, os cursos de surf continuarán na praia de Barreiros.

– Domingo: Entre ás 12:00 e ás 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira. Despois, ás 14:00 horas será a entrega de premios.

26 de xuño de 2014 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.