publicidade hoxe

Un total de 20 mozos participarán no campo de traballo de Melide sobre dinamización cultural do Camiño Francés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelideXuventude
A-
A+

Un total de 20 mozos e mozas participarán en xullo no campo de traballo de Melide, que xirará a redor da dinamización cultural do Camiño Francés a Santiago, poñendo en práctica actividades, en colaboración co concello, en materia de conservación e divulgación do patrimonio cultural, etnográfico, lingüístico e natural. A iniciativa terá carácter internacional, polo que poderán participar non só mozos e mozas galegos, senón tamén doutras comunidades e de fóra de España.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa este campo de traballo enmarcado na Campaña de Verán e que terá lugar entre o 15 e o 26 de xullo. Ademais haberá outro das mesmas características en Portomarín, do 11 ao 22 de agosto.

Esta iniciativa completarase cun proxecto de voluntariado europeo titulado Cultura no Camiño e no que están a participar 13 mozos e mozas de 9 países europeos, que en Galicia colaboran desde maio a outubro cos hospitaleiros dos albergues de Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago. En total, as dúas medidas aglutinan a 63 voluntarios.

Este ano Galicia conta con 649 prazas para que participen mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en campos de traballo, das que 249 son de envío a outras comunidades autónomas (101 prazas) e a outros países (148 prazas) e 400 de acollida, nos campos que organiza Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

O director xeral tamén destacou que os mozos e mozas galegos poden optar a participar tanto nos 14 campos de Galicia, como nos que se ofertan en 11 comunidades autónomas e en 27 países de 4 continentes distintos: Europa, Asia, África e América do Norte. En Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar organiza campos de traballo nas Illas Cíes (4 quendas) e Cotobade, na provincia de Pontevedra; en Portomarín, en Lugo; en Ponteceso, Laracha (2 campos) Boqueixón, Rois e Melide, na Coruña; e en Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa e Vilar de Barrio, en Ourense.

Ovidio Rodeiro explicou que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. “Son accións voluntarias, que os mozos realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”, engadiu.

O director xeral apuntou que “tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2014 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Esta campaña é a máis importante, en número de prazas ofrecidas, a nivel de todo o Estado, cun total de 8.266 prazas, un 2,7% máis que o ano pasado.

A campaña de verán, ademais destes campos, inclúe albergues e campamentos e actividades de ocio e tempo libre para os mozos galegos. O seu orzamento é de 2,3 millóns de euros.

Un dos efectos positivos da Campaña de verán está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre da nosa Comunidade darán traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos, na súa maioría, mozos e mozas.

26 de xuño de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.