publicidade hoxe

Sober espera que o concerto de Sôber sexa todo un éxito para a Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober ten todo listo para a celebración mañá do acontecemento máis importante para a zona no mundo do rock, polo que, o alcalde, Luis Fernández Guitián, agarda que sexa “un éxito para toda a Ribeira Sacra”.

O Concello contará coa colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para que os integrantes do grupo coñezan os principais reclamos turísticos da localidade. Durante a mañá do sábado farán un percorrido en catamarán polos Canóns do Sil ao que seguirá a visita a unha das adegas da localidade. Ao mediodía visitarán a feira de Sober e xa pola tarde será quenda de coñecer os miradoiros sobre o río e visitar a olería de Gundivós.

O grupo de rock madrileño ofrecerá un concerto en acústico e de balde na Praza do Concello a partir das dez da noite. O rexedor convida a todos e todas os veciños e veciñas a asistir. O evento que finalizará cun festival protagonizado por cinco DJ locais.

O Concello ten ultimado xa o dispositivo de tráfico e seguridade no municipio, o mesmo que se establece cando se celebra a Feira do Viño de Amandi. Amais, habilitou un espazo para autocaravanas e outro para todos aqueles que queiran acampar na localidade, dotados ambos con todos os servizos precisos.

O alcalde agradece o apoio e a difusión que o grupo Sôber ten feito da actuación a través das redes sociais, así como a colaboración da Fundación TIC na cobertura da visita que o grupo fai mañá á localidade.

 

27 de xuño de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.