publicidade hoxe

Rueda defende a necesidade dunha xustiza máis áxil e eficaz na defensa do consumidor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSarria
A-
A+
Alfonso Rueda nas VIII Xornadas Xurídicas de Sarria

Alfonso Rueda nas VIII Xornadas Xurídicas de Sarria

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración das VIII Xornadas Xurídicas de Sarria: Román García Varela, nas que defendeu a necesidade de acadar unha xustiza más áxil e eficaz en materia de defensa do consumidor.

Para conseguir este obxectivo, Rueda avogou por potenciar a mediación e a arbitraxe, implantando novas tecnoloxías que axilicen os procedementos, e tamén con reformas da lexislación xudicial e procesual, que teñan sempre en conta a todos os actores implicados

Un ano máis, o número dous da Xunta quixo facer fincapé no altísimo nivel dos participantes, así como na actualidade e a pertinencia dos temas a tratar, que este ano se centran na defensa do consumidor. A este respecto, lembrou que hai dous anos Galicia aprobou unha nova Lei de protección das persoas consumidoras e usuarias, substituíndo a unha normativa do ano 1984, e que esta lei xa fomentou as solucións extraxuidicias como a mediación e regulou a arbitraxe, que ten sido moi útil no caso das preferentes.

Así mesmo Rueda explicou que agora mesmo o Goberno encontrase lexislando nun ámbito que tamén se vai tratar nas xornadas: “o de concibir ao administrado como consumidor”. Así, tras aprobar o ano pasado a lei de garantías sanitarias, fai unhas semanas comezouse a tramitar unha Lei de garantía da calidade dos servizos públicos, onde se recoñece un estatuto da persoa usuarias dos servizos públicos galegos, cos seus dereitos e obrigas.

Entre eses dereitos estará a necesidade de que a Xunta de Galicia marque uns estándares mínimos de calidade para os servizos que presta, que permitan esixir responsabilidades en caso de incumprimento e que permitan modular o pago ás empresas concesionarias segundo o nivel de cumprimento, no caso de que ese servizo estea externalizado.

As xornadas celébranse durante todo día de hoxe e a mañá de mañá, sábado, na Casa da Cultura do Concello e contarán con relatores de gran prestixio como o Fiscal Xefe do Estado, Eduardo Torres-Dulce, o presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Francisco Marín, ou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, entre outros.

Na inauguración, ademais do vicepresidente, tamén participaron o vicepresidente do Tribunal Supremo, Ángel Juanes Peces, e o alcalde do Concello de Sarria, Jose Antonio García López.

6 de xuño de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.