publicidade hoxe

Recibidas cinco ofertas para a mellora nas estacións de autobuses de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedoRibadeoSarriaVilalbaViveiro
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recibiu un total de cinco ofertas para a execución das obras de mellora de diversas estacións de autobuses da provincia de Lugo, incluídas dentro do Plan Renove de Galicia.

Os traballos de mellora da accesibilidade das instalacións e dos sistemas de información nas estacións de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria, foron licitadas pola Dirección Xeral de Mobilidade por un importe de case 30.000 euros (27.387,21€). Na actualidade está a valorar as ofertas recibidas, co fin de adxudicar este contrato e poder iniciar as obras tras a sinatura do mesmo.

No caso da estación de Viveiro o Plan Renove potenciará os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través da pintada dunha praza de aparcadoiro para o uso destes usuarios e a colocación de bancos na dársena.

Estes mesmos traballos tamén se desenvolverán nas estacións de Ribadeo e Vilalba, nas que o Plan ademais recolle a instalación de pasamáns e varandas na rampla de acceso existente en Ribadeo, e a colocación de sinais na estación de Vilalba.

No caso da estación de Mondoñedo o Plan executará unha rampla de acceso e coas súas respectivas varandas e pasamáns a ambos lados e a reubicación do sumidoiro que se verá afectado por estas actuacións, ademais do pintado dunha praza de aparcadoiro e a reparación das portas de acceso da dársena..

Outras actuacións que contempla o Plan Renove son as centradas nas melloras das instalacións a través de arranxos nos falsos teitos, aseos, puntos de luz ou canalóns; pintado dos bancos e limpeza do lucernario. Este tipo de melloras se realizarán na estación de Sarria, na que ao igual que as anteriores tamén se potenciará a accesibilidade dos seus usuarios.

Plan Renove

O Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia é un programa plurianual para o período 2013-2015 que consta cun orzamento de mais de 4,2 millóns de euros. No primeiro ano activáronse 1,6 millóns de euros repartidos entre as estacións das catro provincias galegas.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Na actualidade, Galicia conta cun total de 43 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 35 estacións.

5 de xuño de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.