publicidade hoxe

Publícase a licitación para a construción de dous aparcadoiros disuasorios en Moaña con 104 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoañaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da construción de dous aparcadoiros disuasorios en Domaio e Broullón, no Concello pontevedrés de Moaña. As obras licítanse por máis de 435.000 euros, recibindo a instalación de Domaio máis de 151.000 euros e no de Broullón case 285.000.

As dúas instalacións suporán un importante beneficio para o concello de Moaña, o que supón unha mellora de calidade de vida de máis de 30.000 habitantes. Neste momento están a realizarse as expropiación só en Domaio, posto que en Broullón o terreo é público.

Dous aparcadoiros

No aparcadoiro de Domaio existirán 32 prazas de aparcadoiro (31 prazas normais +1 praza para persoas de mobilidade reducida. Deste xeito, porase en valor unha parcela de 1.500 metros cadrados na zona na antiga estrada PO-551, nas proximidades da glorieta de unión entre a estrada PO-551 e o Corredor do Morrazo.

O caso do de Broullón, na estrada CG-4.1 encádrase dentro da rede de Alta Capacidade e a PO-313, a construción deste modifica a intersección existente, resolvéndose cunha glorieta que facilita a entrada e saída ao aparcadoiro e permite a circulación fluída do resto dos viais que intersecan a glorieta. O aparcadoiro ten unha forma sensiblemente ovalada, a área de aparcadoiro dispón en todo o perímetro e nunha illeta na parte central. Esta instalación contará con 70 prazas normais e 2 prazas para persoas de mobilidade reducida.

As obras realízanse sempre dentro do dominio público de estradas polo que non foi necesaria ningún tipo de expropiación.

A actuación é consecuencia do Plan de aparcadoiros disuasorios promovido pola Dirección Xeral de Mobilidade, que pretende fomentar o transporte público e as viaxes compartidas na contorna metropolitanas, co obxectivo de avanzar cara unha mobilidade sustentable, e ir da man dos obxectivos marcados na estratexia de Europa 2020.

Mobilidade sustentable

Unha das liñas fundamentais da Consellería de Medio Ambiente é o fomento dunha mobilidade sustentable, é dicir, un modelo de mobilidade baseado no uso de modos colectivos e outros xeitos alternativos ao emprego indiscriminado do coche, tanto no ámbito interurbano e metropolitano. No marco destas actuacións sitúase a promoción dos aparcadoiros disuasorios como elementos que van permitir o aforro enerxético e unha redución da pegada de carbono polo fomento do transporte público e de viaxes compartidas.

Con este proxecto a Xunta pretende diminuír o tempo de desprazamento ao obter a máxima eficiencia en cada etapa de viaxe; potenciar o uso do transporte público e evitar a mobilidade en vehículo privado en vías e zonas conxestionadas.

As actuacións formuladas consistirán, entre outras, na posta en marcha dunha sinalización común para todos de xeito que os cidadáns os identifiquen claramente nos accesos ás cidades. Ademais, acordarase cos concellos as modificacións necesarias na oferta de transporte para conectalo adecuadamente coas áreas de intercambio modal, e poranse en marcha vantaxes como unha tarificación conxunta.

11 de xuño de 2014 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.