publicidade hoxe

Padrón, Rois e Dodro contarán cun obradoiro de emprego do que se beneficiarán 20 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDodroLocal PortadaPadrónRois
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar aprobou o proxecto de obradoiro de emprego presentado polo concello de Padrón, en colaboración cos de Rois e Dodro, que beneficiará a 20 alumnos e contará cun orzamento de preto de 180.000 euros para as especialidades de atención sociosanitaria a domicilio e albanelería.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe Padrón e indicou que o programa contará con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo nestas especialidades. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade.

A titular de Traballo lembrou que esta iniciativa “abre un importante espazo de colaboración cos concellos” no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de “orientar adecuadamente os esforzos”. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.

Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia da Coruña financiaranse 15 obradoiros, que beneficiarán a 32 concellos, contarán con 315 alumnos e un investimento de 2,8 millóns de euros.

3 de xuño de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.