publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os hostaleiros de Camariñas crean un menú mariñeiro propio para diferenciar a súa oferta gastronómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñasLocal Portada
A-
A+

Esta semana continúan as actividades formativas organizadas no marco do proyecto GAC “Camariñas. O mar todo” para a creación dunha RedeTurística local.

Mañá martes 10 de xuño os hostaleiros reuniranse para deseñar un menú mariñeiro para Camariñas arredor da actividade denominada “Obradoiro para o deseño dun menú gastronómico”. A finalidade é que os profesionais poidan presentarlle aos clientes unha oferta gastronómica propia baseada en produtos locais de tempada.

O xoves 12 de xuño, a actividade leva por título “Camariñas, destino de turismo mariñeiro e de natureza” e consistirá en dar a coñecer os recursos naturais e mariñeiros do municipio a través dunha mesa redonda con empresas de ocio e de guías da zona. Farase tamén unha visita guiada á conserveira Industrias Cerdeimar para coñecer de preto o patrimonio mariñeiro e industrial xa que o proxecto “Camariñas. O mar todo” traballa sobre a base de que é importante acadar un alto coñecemento dos recursos para poder así informar sobre eles aos clientes.

Desde o pasado 3 de xuño e ata o vindeiro xoves 26 impartiranse as 7 accións formativas incluídas neste proxecto turístico. Todas actividades terán lugar os martes e xoves en horario de 17.00 a 20.00 horas na primeira planta do Centro de Iniciativas Informáticas.
“Camariñas. O mar todo” é unha iniciativa enfocada ao desenvolvemento dun produto turístico unido ao mar, á dinamización da vila e do sector turístico para ofertar un mellor servizo e facer un destino máis atractivo e cohesionado. Promovido polo Concello de Camariñas, está financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira, GAC3 Costa da Morte.

9 de xuño de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.