publicidade hoxe

O tenente de alcalde de Arbo critica o apoio dos seus excompañeiros independentes á moción de censura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O tenente de alcalde de Arbo (Pontevedra), Fabiola Durán, antes nas filas de Alternativa Independente de Arbo (AIAR), criticou este martes os seus excompañeiros por apoiar a moción de censura promovida polo PP neste municipio, para apartar da alcaldía o nacionalista Xavier Simón.

Durán, que permanece no goberno como edil non adscrita, tras a ruptura do pacto entre BNG e AIAR, afirmou que non entende a decisión dos independentes, encabezados por José Simón Ferro. A ese respecto, recordou que, tras as últimas eleccións municipais, nas que PP obtivo 5 edís, AIAR logrou 3 e BNG outros 3, houbo negociacións cos populares.

“Unha das condicións que puxo AIAR era que o cabeza de lista do PP, Horacio Gil (*) tiñan que deixar o partido para seguir coas negociacións”, rememorou. Como iso non aconteceu, os independentes pactaron co BNG, aínda que o devandito pacto foi roto por AIAR hai un ano.

Agora, AIAR sumará os seus votos aos do PP para facer alcalde a Horacio Gil, mentres que a independente Salomé Troncoso perfílase como novo tenente de alcalde. Segundo Fabiola Durán, un dos principais opositores a entrar en negociacións co PP foi José Simón Ferro, polo que cualifica como “incomprensible” o seu “cambio de rumbo”.

“ACTO DE COVARDÍA”

“José Simón tivo a oportunidade de ser alcalde de Arbo, tal e como estaba pactado, e non quixo. Nese momento foi un irresponsable por non cumprir co prometido aos votantes de AIAR, e agora, nun acto de covardía, regálalle a Horacio Gil os votos dos veciños”, criticou o tenente de alcalde.

Segundo Fabiola Durán, tanto José Simón como Salomé Troncoso “venden” os seus votantes para apoiar un candidato doutro partido. Por iso, acusounos de “enganar” os veciños porque, se querían apoiar a Gil, se”deberían presentar polo PP”.

17 de xuño de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.