publicidade hoxe

O proxecto de dinamización lingüística Dragal queda clausurado co Encontro da Fraternidade do Dragón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónCambreVerínXinzo de Limia
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe o proxecto de dinamización lingüística Dragal 2013/2014, que desenvolveu durante este curso por primeira vez en sete centros de ensino por medio dunha iniciativa multimedia de promoción da lectura, da creación e da investigación multidisciplinar en galego coordinada desde os equipos de dinamización da lingua galega e baseada na triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad (editada por Xerais).

Fíxoo celebrando o Encontro da Fraternidade do Dragón no cume do Pico Sacro, no que participaron durante todo o día 232 alumnos/as e 16 profesores/as de cinco dos centros educativos que tomaron parte no proxecto (IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Taboada Chivite de Verín, IES David Buján de Cambre, IES de Mos e CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón). A xuntanza contou coa participación dos responsables dos departamentos de Política Lingüística e Xuventude e Voluntariado, Valentín García e Ovidio Rodeiro, respectivamente, organizadores desta xornada de actividades.

García Gómez e Rodeiro Tato estiveron acompañados polo rexedor municipal, Jesús Sanjuás Mera; polo director xeral de Ramsa (empresa que tamén colaborou coa Xunta de Galicia na organización deste evento), Roberto Almuíña Díaz; e pola autora da triloxía Dragal, Elena Gallego Abad.

Segundo explicou o secretario xeral, “o Proxecto Dragal foi un dos programas escolares de dinamización lingüística desenvolvidos con grande éxito de acollida durante este curso desde os equipos de dinamización da lingua galega co fin de promover o impulso e a presenza do galego nos colexios e institutos, dentro e fóra das aulas”.

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou que esta posta en valor do patrimonio cultural e artístico galego que representa o Pico Sacro terá continuidade a nivel internacional a través dun Campo de traballo que terá lugar en Boqueixón do 1 ao 15 de agosto. Nesta iniciativa participarán 25 mozos e mozas de Galicia e de diferentes países que desenvolverán unha serie de contidos creativos que aportarán significado ao conxunto da historia literaria.

Proxecto Dragal

Máis de 500 alumnos e alumnas de primeiro da ESO e do programa de diversificación curricular do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón, do IES David Buján de Cambre, do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, do IES Taboada Chivite de Verín, do IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, do IES de Mos e do
CPI da Cañiza participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.

Este programa experimental contou cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais ao seu profesorado. Nel fóronse implementando xogos en liña relacionados coa temática da triloxía Dragal, propostas de traballo e materiais para abordalas.

Desde o comezo do curso, e tras a lectura d’A herdanza do dragón, primeira novela da triloxía de Gallego Abad, o alumnado estivo ocupado en tarefas como a dragalización ou ambientación do seu centro educativo, o resumo e reelaboración da narración en forma de banda deseñada, o intercambio de finais alternativos para a novela ou a investigación sobre aspectos da historia e do patrimonio galegos relacionados coa triloxía.

Toponimia maior e lendaria

No derradeiro trimestre do curso, o traballo centrouse tamén na toponimia co obxectivo de poñer en valor este patrimonio e de fomentar no alumnado o interese por el partindo dos lugares que a rapazada ten máis próximos, os dos seus concellos, e mais da curiosidade que suscita a chamada toponimia lendaria (aquela que fai referencia a dragóns, xigantes, mouros, encantos ou tesouros).

Durante o mes das Letras desenvolvéronse conferencias sobre toponimia en diversos institutos galegos no marco do Proxecto Dragal, con relatorios diferentes pensados para ampliar o coñecemento e incentivar a curiosidade do alumnado sobre os topónimos dos seus propios concellos, deseñados como estímulo para que a rapazada encetase os seus propios traballos de pescuda.

As actividades do proxecto este curso pecháronse hoxe co encontro do alumnado de cinco dos sete centros participantes no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal. Este encontro de dragaliños contou co apoio da Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

20 de xuño de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.