publicidade hoxe

O Polígono de San Cibrao abre unha vía de cooperación co municipio de Tlalnepantla de Baz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Comida de confraternidade

Comida de confraternidade

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas será unha das entidades máis participativas na futura cooperación empresarial entre a provincia de Ourense e o municipio mexicano de Tlalnepantla de Baz, tras o compromiso de colaboración mutua que xurdiu hoxe no encontro que mantiveron unha nutrida representación de asociados do Polígono e a delegación institucional mexicana que visita Ourense estes días.

Unha das principais liñas de colaboración que impulsará a asociación empresarial de San Cibrao é o fomento de investimentos empresariais a ambos os dous lados do Atlántico. É dicir, guiará e dará apoio aos investidores mexicanos que aposten polo Polígono ourensán para levar a cabo os seus proxectos; e ao mesmo tempo acompañará e ofrecerá cobertura ás empresas da provincia que decidan establecerse na área de Tlalnepantla de Baz, unha das zonas máis industrializadas do Val de México e un enclave que, pola súa proximidade a México D.F., e polo potencial da súa industria, pode ofrecer grandes posibilidades aos investidores galegos.

Un segundo compromiso que asume a Asociación de Empresarios de San Cibrao é o asesoramento para a posta en marcha da tecnópolis que está proxectada en Tlalnepantla de Baz, como ponte para as actividades de I+D+i entre a universidade local e os grupos empresariais desta gran zona industrial do Val de México.

De feito, durante o encontro de hoxe, a delegación mexicana mostrou interese polo modelo produtivo do Polígono de San Cibrao, pola localización do Parque Tecnolóxico de Galicia en pleno asentamento empresarial e pola sinerxía entre as plantas industriais e os centros de I+D+i. Na súa intervención ante a representación oficial do Concello de Tlalnepantla de Baz, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono, Elías Mera, destacou que o maior polo industrial de Ourense “está moi conectado coa produción de I+D+i do tres universidades galegas, xa sexa individualmente a través das empresas asociadas ou desde a actividade que xera o Parque Tecnolóxico de Galicia”.

Por outra banda, Elías Mera tamén lembrou que, en Ourense, falar de México “é falar do país de acollida por excelencia, de solidariedade, de oportunidades e da emigración máis pura, máis respectuosa e máis equilibrada”. Así, afirmou que os ourensáns e os galegos non poden esquecer “a sólida ponte que México sempre tendeu, e segue tendendo, a numerosas xeracións de ourensáns, incluídas as máis recentes, porque durante esta crise económica, as empresas e o mercado laboral mexicano están igual de próximos e igual de receptivos que como o estiveron en todas as etapas do século pasado”.

No xantar entre os empresarios de San Cibrao e os representantes da delegación mexicana tamén interveu o secretario do Concello de Tlalnepantla de Baz, Alfredo Martínez González, quen eloxiou as fortalezas do seu municipio e as condicións que reúne para os investidores, xa que ao forte desenvolvemento empresarial súmase “a situación privilexiada, pola súa localización en plena zona metropolitana do Val de México, e como zona de paso para as comunicacións con México D.F.”.

Ademais de destacar a importancia de consolidar vías de cooperación coa Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas, Alfredo Martínez estendeu unha invitación a todo o empresariado do Polígono ourensán para que coñeza de primeira man “as vantaxes e oportunidades” dun municipio no que precisou que o propio Carlos Slim está a promover actualmente “un mall e algúns investimentos no sector industrial”.

24 de xuño de 2014 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.