publicidade hoxe

O Plan Enerxético da Deputación de Lugo logra un aforro de 160.000 euros a Friol, Castroverde, Ribadeo e Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastroverdeFriolGuitirizLugoRibadeo
A-
A+

A Xunta de Goberno este vernes aprobou a contratación de novo material enerxético para Ribadeo, Friol, Castroverde e Guitiriz no marco do Plan Enerxético, co que a Deputación aforra estes Concellos 160.000 euros. “Facémolo ó asumir a totalidade de custes destas actuacións, a diferencia do plan da Xunta que obriga ós municipios a desembolsar o 30% dos gastos”, explicou o voceiro provincial socialista.  

Manuel Martínez apuntou que este aforro total distribúese do seguinte xeito:

– 40.000 euros, coas auditorías enerxéticas que se realizaron dende a Axencia Provincial da Enerxía da Deputación, evitando contratacións externas ás entidades locais “e, polo tanto, aforrándolles cartos”.

– 102.000 euros coa contratación hoxe, con fondos europeos do organismo provincial, de 900 novos compoñentes enerxéticos, “que instalaremos nos alumeados públicos e edificios municipais, solicitados polos Concellos”, adiantou.

– E 16.200 euros, que é a cantidade na que Ribadeo, Guitiriz, Friol e Castroverde verán reducida a súa factura anual polo luz co equipamento instalado e o asesoramento dos técnicos da Axencia Provincial da Enerxía.

Aforro por Concello

Por Concello, a Deputacion aforra o seguinte co seu Plan Enerxético:

– 50.000 euros de aforro a Ribadeo: 10.000 euros coa auditoría enerxética; 29.700 pola adquisición e instalación de 234 compoñentes enerxéticos no alumeado público; e 5.300 euros, que será a cantidade na que se reduza anualmente a factura da luz.

– 40.600 euros de aforro a Guitiriz: 10.000 euros coa auditoría enerxética; 24.200 coa compra e instalación de 215 compoñentes enerxético na Casa Consistorial e outros 345 no CEIP Lagostelle; e 6.500 euros, que será a rebaixa na factura anual da luz.

– 30.700 euros de aforro a Friol: 10.000 euros coa auditoría enerxética; 18.700 euros pola compra e instalación de 34 compoñentes enerxético no alumeado público; e 2.000 euros, que será a rebaixa anual na factura da luz.

– 41.800 euros de aforro a Castroverde: 10.000 euros coa auditoría enerxética; 29.341 pola adquisición e instalación de 80 compoñentes enerxéticos no alumeado público; e 2.400 euros, que será a redución anual dos gastos pola luz.

Formación para gandeiros

O mesmo día no que se abre o prazo de solicitude das axudas da Deputación, dotadas de 1,7 millóns de euros, para o impulso do sector primario e do rural, a Xunta de Goberno tamén acordou un convenio de colaboración con Africor mediante o cal a institución concede a esta asociación de criadores de gando frisón lucense 25.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade. Concretamente, este orzamento adicarase, principalmente, a programas de formación para gandeiros, de mellora xenética, controis leiteiros, así como á organización de poxas nos Concellos.

Parque biosaudable no Valadouro

A sesión aprobou un convenio de colaboración para situar un parque ambiental e biosaudable no Concello do Valadouro. Trátase dunha actuación enmarcada no Lug02, dotada de 66.600 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea. “Con esta instalación contribuímos a mellorar a calidade de vida neste municipio, no que o 35% dos seus habitantes supera os 65 anos fronte ó 8% que ten menos de 16 anos, mediante a posta en valor dos recursos naturais”, salientou Martínez.

6 de xuño de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.