publicidade hoxe

O CIM do Concello de Mondoñedo prestará atención a un total de cinco concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

O Concello de Mondoñedo ven de firmar un acordo cos Concellos de Riotorto e A Pastoriza para a prestación de servicios propios do Centro de Información ás Mulleres que se une ó xa existente desde o ano 2006 cos Concellos de Lourenzá e de Abadín.

Ditos acordos veñen motivados pola necesidade que existe entre a poboación feminina dun servicio de asesoramento integral e especializado, que inclúe asesoramento xurídico, atención psicolóxica e información de recursos laborais, formativos e sociais, e a dificultade de acceso ós mesmos debido á distancia entre poboacións. Así pois, técnicas do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Mondoñedo desprazaranse ós Concellos indicados nuns días previamente fixados e que proximamente se darán a coñecer, de modo que a súa atención poda ser prestada de maneira directa e inmediata. Ademais desta atención individualizada, tamén se contempla a posibilidade de realizar actividades complementarias como poden ser obradoiros, charlas ou cursos de formación, entre outras.

En calquera caso, trátase de optimizar os recursos existentes e aforrar custos en beneficio dos Concellos e da súa poboación, xa que desta maneira o CIM de Mondoñedo facilitará a súa atención a quen por razóns económicas ou sociais non dispón da posibilidade de desprazamento e os Concellos veranse beneficiados por un servicio do que actualmente non dispoñen.

Cabe destacar tamén a colaboración técnica e económica dos Concellos asinantes dos acordos, xa que contribúen ó mantemento do servicio cunha aportación económica proporcional ó servicio que reciben e poñen a disposición do CIM as instalacións e medios necesarios para a súa función.

Finalmente, informar que o CIM do Concello de Mondoñedo está dispoñible tamén á atención das persoas que o demanden pertencentes a Concellos limítrofes co que non existe convenio (Foz, Alfoz, O Valadouro…), e que por diversos motivos prefiran acudir a Mondoñedo.

25 de xuño de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.