publicidade hoxe

O BNG defende que as imputacións dos rexedores de Arzúa e Vimianzo non ten que ver con corrupción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaVimianzo
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu que as imputacións dos alcaldes nacionalistas de Arzúa, José Luís García López, e de Vimianzo, Manuel Antelo, “non teñen nada que ver” con “casos de corrupción”. “Hai que diferenciar moi claramente os diferentes tipos de imputación”, manifestou en declaracións aos medios.

Neste sentido, asegurou que hai imputacións “por corrupción” e outras “por problemas de tipo administrativo na execución de determinados acordos das institucións”. Todo iso tras transcender que o rexedor de Arzúa foi citado a declarar ante a Garda Civil como imputado, xunto ao seu antecesor, polo pagamento dunhas obras de asfalto.

“Son situacións completamente diferentes, non creemos que sexa un problema unha imputación ao alcalde por realizar unha obra de asfaltado dunha rúa para os veciños do seu pobo”, insistiu antes de avogar por “ver se houbo algún tipo de procedemento administrativo que non foi axeitadamente seguido”.

“Esa é a postura do Bloque Nacionalista Galego, que siga o curso legal e xudicial que teña que ter as denuncias que se presentaron con respecto a esas obras pero, dende logo, cremos que non ten nada que ver cos casos de corrupción”, argumentou.

A este respecto, recordou que o BNG, ante as imputacións de cargos públicos por casos de corrupción defende que, “coa maior dilixencia posible, se siga o proceso xudicial e que se hai actuacións que daban ser castigadas, que todo o peso da lei recaia sobre as os que cometesen irregularidades”. “No BNG non temos ningunha persoa con cargo institucional imputada nun proceso xudicial aberto por suposta corrupción, se o houbese a nosa política é esixir a súa dimisión inmediata”, detallou.

Segundo informaron fontes da investigación, o actual rexedor de Arzúa e o seu antecesor no cargo, Xaquín García couso, foron citados a xunto a outros seis edís membros de dúas xuntas de goberno que pagaron as obras das rúas Cubelo e Catro Ventos, pola Garda Civil de Lugo a instancia do Xulgado de Instrución Número 1, que instrúe a ‘Operación Pokémon’.

SITUACIÓN DO ALCALDE DE VIMIANZO

Pola súa banda, cuestionado sobre a imputación do alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, despois de que fose chamado a declarar como imputado tras ser denunciado os promotores da moción de censura que se frustrou, Vence considerou que este feito responde a unha “estratexia política do PP, que intenta derrubar, por tódolos medios, a un goberno que neste momento ten á fronte a un alcalde do BNG”.

“O PP intenta por todas as vías, con denuncias de todo tipo, boicotear e obstruír o funcionamento absolutamente exemplar do Concello de Vimianzo”, denunciou o voceiro nacional do BNG antes de destacar que a “acción de goberno” de Antelo “está a ter un éxito que é o que realmente molesta ao Partido Popular”.

“Polo tanto, non ten nada que ver tampouco con ningunha denuncia por razóns de corrupción, é un problema derivado da estratexia política do PP, de presentación de querelas por todo tipo de cuestións contra este alcalde para dificultar a acción normal do Goberno”, insistiu.

27 de xuño de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.