publicidade hoxe

O acondicionamento da estrada de San Facundo evitará rodeos de 5 km a máis de medio cento de veciños de Paradela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoParadela
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, supervisou o inicio das obras que o organismo provincial leva a cabo na estrada de San Facundo, no Concello de Paradela, para proceder á retirada do material procedente dun derrubamento de terras ocorrido hai seis meses, tras as intensas choivas do inverno.

Este desprendemento de terras provocou o corte da estrada, que une o lugar de Loio co Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, de xeito que uns 70 veciños dos núcleos de Cabo de Vila e Adegas das Penas víanse directamente afectados, xa que tiñan que dar un rodeo duns 5 quilómetros para os seus desprazamentos habituais. Ó ser unha vía de comunicación empregada con frecuencia, outros moitos veciños do Concello de Paradela tamén sufrían os inconvenientes de ter que empregar diferentes rutas alternativas.

López Izquierdo destacou que o organismo lugués faise cargo destes traballos para evitar máis prexuízos ós veciños de Paradela, e lamentou “a inoperancia do Alcalde, que leva os seis últimos meses prexudicando ós seus veciños ó negarse a retirar os materiais derrubados da vía”.

As actuacións que leva a cabo o organismo provincial consisten na limpeza e acondicionamento do firme da estrada, para o que a Deputación desprazou ata a zona un dispositivo formado por unha retroescavadora e dous camións. As obras quedarán rematadas, previsiblemente, nun prazo de 10 ou 15 días, en función das condicións climatolóxicas dos vindeiros días.

2 de xuño de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.