publicidade hoxe

Licítase a mellora do firme da estrada Rozas-Abadín en treitos que suman case 15 quilómetros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), ven de licitar as obras de mellora da estrada Rozas-Abadín (LU-113).

En total, segundo explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, actuarase “en tres treitos diferenciados que suman unha lonxitude de case 15 quilómetros”. En concreto, os traballos afectarán aos seguintes tramos desta vía integrada na Rede Primaria Complementaria da Xunta de Galicia:

– Rozas-Castro (p.q. 0+000 ao 4+500)
– Xustás-Castro (p.q. 10+000 ao 16+800)
– Arneiro-Moncelos (p.q. 19+500 ao 22+800)

Arias, que visitou hoxe a zona, xunto co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e técnicos da consellería, sinalou que “coas obras que se prevé desenvolver, beneficiaranse directamente os máis de 13.000 habitantes dos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín que conecta esta vía, así como aos milleiros de usuarios que empregan esta estrada, que vertebra a comarca da Terra Chá”.

O importe de licitación deste contrato suma case 600.000 euros (586.150 euros), segundo explicou a delegada territorial, que facendo referencia ao proxecto técnico, ao remate das tarefas estes treitos terán un ancho de plataforma de 10 metros, xa que se disporán dous carrís de 3,5 metros de ancho con dúas beiravías de 1,5 metros. O prazo de execución establécese nos seis meses.

O proxecto inclúe executar un fresado que elimine completamente a capa de rodadura, a extensión dun rego de adherencia con emulsión asfáltica e finalmente a extensión duna capa de rodadura de formigón bituminoso.

Para a materialización dos traballos será necesario fresar máis de 200.000 m2 desta estrada, estender case 4.800 toneladas de formigón asfáltico e 240 toneladas de betún asfáltico.

Arias considerou que “o obxecto principal destes traballos é mellorar o estado do firme existente con solucións localizadas definidas en función das necesidades de cada un dos tramos”.

Os tramos nos que se actuará presentan na actualidade un deterioro superficial, no que respecta ás características do estado do mesmo, polo que se farán accións localizadas de reparación, rehabilitación e reforzo do firme, coas que se consiga unha mellora da vía coas que se garantan as condiciones mínimas de seguridade vial na circulación. Os traballos rematarán coa reposición de sinalización horizontal; substitución dalgunha sinal vertical e algún tramo de barreira de seguridade.

23 de xuño de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.