publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

III Xornadas de portas abertas na D.O. Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiVerín
A-
A+

Este fin de semana as adegas da Denominación de Orixe Monterrei abren as súas portas ao visitante, todo iso acompañado dunha oferta de actividades enoturísticas destinadas a impulsar a comarca de Monterrei como destino turístico e favorecer, ao mesmo tempo, un maior coñecemento dos viños e adegas da Denominación de Orixe.

Este sábado arrincan en Monterrei as terceiras Xornadas de Portas Abertas, unha actividade promovida pola Axencia Turismo de Galicia e dirixida a potenciar as rutas do viño como destino enoturístico de referencia en Galicia.

Seis adegas acollidas á Ruta do Viño de Monterrei abrirán así as súas portas este fin de semana, ofrecendo visitas guiadas e degustacións gratuítas ao visitante. As visitas están programadas o sábado 7 ás 11.30, 13.00 e 18.00 h., e o domingo 8 ás 12.00 h., sendo a súa duración aproximada dunha hora.

A Ruta do Viño de Monterrei para facilitar o acceso ás adegas, pon a disposición do público asistente un servizo de autobuses que, durante as xornadas, realizará un percorrido con saídas desde a Estación de Autobuses de Verín e dos establecementos hoteleiros, O Retiro do Conde (Vilaza) e o Parador de Verín, e percorrido polo seis adegas visitables durante o fin de semana. Deste xeito, todos os interesados en coñecer as adegas da D.O. poderán facelo ou ben, empregando este servizo de transporte ou en vehículos particulares, pero sempre acolléndose ao horario de visitas establecido no programa.

Como actividades complementarias a hostalaría local ha deseñado menús enogastronómicos a un prezo fixo de 25€/persoa (10€ o menú infantil), no que o Restaurante Enxebre Parador de Verín) e o Restaurante Brasil presentan os produtos máis representativos da comarca elaborados en receitas onde o viño é protagonista, ao ser este fonte de inspiración dos pratos que ademais estarán maridados cos viños da Denominación de Orixe Monterrei. Do mesmo xeito, os establecementos hoteleiros da Ruta do Viño de Monterrei ofertan promocións especiais de fin de semana.

Como actividade complementaria, mañá, sábado 7 ás 16.00 h. sairá da praza do Concello de Verín a 1ªAndaina polos Viñedos e Adegas de Monterrei, organizada en colaboración coa Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas. Esta andaina fará un percorrido polos vales de Vilaza e Oímbra, con visita ás adegas Fragas do Lecer e Ladairo, e na que ademais haberá oportunidade de coñecer un dos maiores legados da vitivinicultura na comarca, cunha ruta guiada polos lagares rupestres de Monterrei. Como conclusión á andaina, ofrecerase unha cea a todos os participantes na adega Crego e Monaguillo.

O domingo as adegas Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Gargalo, Ladairo e Valdeconde volverán abrir as súas portas ás 12.00 h., celebrando a última visita que porá fin ás xornadas. Como acto institucional e de clausura desta terceira edición, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistirá á adega Crego e Monaguillo participando na última das visitas programadas para este fin de semana, coas que as adegas pretenden compartir co público o seu traballo diario, o contexto no que nacen os viños da D.O. Monterrei. Sen dúbida, é esta unha extraordinaria oportunidade para penetrarse no mundo do viño e coñecer de primeira man a estrutura dunha denominación nova, que engloba pequenos e medianos produtores, os diferentes modelos produtivos, contextos e filosofías que engloba a Denominación de Orixe Monterrei. Sen esquecer, que participar nestas xornadas ten premio, xa que se sortearán 5 billetes para o tren turístico da Ruta do Viño de Monterrei. Os interesados só terán que subir unha foto da súa asistencia ás III Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño de Monterrei ao Facebook da Ruta do Viño de Monterrei.

6 de xuño de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.