publicidade hoxe

Finalizan as obras de mellora do sistema de abastecemento e saneamento no núcleo urbano de Rubiá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRubiá
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo Augas de Galicia, vén de rematar as obras de mellora do sistema de abastecemento e saneamento en varias rúas do núcleo urbano do concello ourensán de Rubiá. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta maña a zona e supervisou o remate desta actuación hidráulica que contou cun investimento de 113.332 euros.

Os traballos executáronse nas rúas Baicela, O Vieiro e Currás, tres localizacións nas que as redes de abastecemento e saneamento se atopaban en mal estado de conservación e servizo e presentaban frecuentes fallos no abastecemento e atascos no saneamento. Co obxectivo de incrementar a eficiencia de ámbolos dous servizos renováronse as súas redes con tubarias de PVC e procedeuse á reposición dos firmes das rúas afectadas por esta actuación.

Rogelio Martínez apuntou que estas iniciativas demostran a aposta da Xunta de Galicia “por mellorar as infraestruturas no medio rural para equiparar as condicións de vida e axudar a fixar poboación no rural”. Martínez considera fundamental “abordar estas infraestruturas básicas” que redundan tanto no incremento de servizos que se prestan aos veciños e veciñas como na calidade ambiental do entorno.

Durante a visita, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Elías Rodríguez, que subliñou a importancia das obras realizadas que suporán unha mellora no servizo ao garantir a subministración de auga en calidade e cantidade á poboación do núcleo urbano de Rubiá, cifrada actualmente en 937 habitantes.

Rogelio Martínez aproveitou o seu encontro co rexedor de Rubiá para coñecer as necesidades do municipio e, ademais, achegouse ata as parroquias de Veiga de Cascallá e Porto, afectadas a principios de semana por incendios forestais.

19 de xuño de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.