Falece o condutor dun camión que se saíu da vía na Fonsagrada en Lugo
O condutor dun camión que este xoves se saíu da vía á altura da localidade lucense da Fonsagrada faleceu, segundo o 061.
Inicialmente, o 112 informou de que estaba ferido de gravidade tras un sinistro na LU-530 pasadas as 17,00 horas. Unha hora despois, o servizo de urxencias médicas, que desprazou ata o lugar o helicóptero con base en Ourense, confirmou o falecemento de J.M.I., de 45 anos.
Ademais do helicóptero, unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do PAC da Fonsagrada, á zona acudiu tamén a Garda Civil de Tráfico.
De feito, o condutor tivo que ser liberado polos servizos de emerxencias, dado que a cabina do vehículo envorcou e impedía ao agora falecido, que estaba semiinconsciente nese momento, mover un dos brazos. Unha vez fóra do camión, foi atendido polo equipo médico, que tan só puido certificar a súa morte.
Ademais dos danos sobre o condutor, o vehículo perdeu boa parte da súa carga –grava–, polo que foi necesaria a intervención do persoal de limpeza e mantemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
CAÍDA DUNHA ÁRBORE
Á marxe deste suceso, unha persoa resultou ferida en Outes (A Coruña) ao caerlle enriba unha árbore no lugar de Guimarei pasadas as 18,30 horas.
Debido á “importancia das lesións”, segundo o 112, mobilizouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Non obstante, á vista de que a persoa estaba liberada, descartouse a intervención dos medios de rescate.