publicidade hoxe

Encontro coas costureiras de Lérez na Casa da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Casa da Cultura de Lérez acolle este xoves, a partir das 20 horas, un encontro cun grupo de mulleres de Lérez que exerceron o oficio de costureiras. A actividade encádrase no proxecto A memoria das Mulleres, promovido polo Concello de Pontevedra.

Un dos obxectivos deste proxecto é pór en valor os oficios que desempeñaron as mulleres das parroquias pontevedresas, a través da recollida de testemuños e fotografías que poidan axudar a preservar os saberes e as técnicas asociados a estes oficios, como os das costureiras, as leiteiras ou as mariscadoras.

Houbo un tempo no que as mozas agardaban o día da festa para estrear o vestido novo, confeccionado con esmero por unha costureira veciña ou por unha modista dun taller do centro. Aquel vestido había que coidalo ben, para que servira para levar ao baile unhas cantas veces. Eran tempos nos que a roupa que vestíamos facíana mans coñecidas durante horas roubadas ao sono. E cada nova prenda era pensada para quen a ía vestir en función das modas que chegaban a través da grande pantalla ou das revistas.

Dos tempos nos que ser costureira era unha boa saída para as mozas das parroquias, que así se libraban do duro traballo nas leiras, falaránnos algunhas das súas protagonistas neste encontro.

Compartirán co público asistente, arredor dunha merenda, as súas memorias sobre as técnicas do seu oficio e as anécdotas asociadas ao feito de ser muller e traballadora en tempos nos que o destino natural era a reclusión no ámbito doméstico. Costureiras de Lérez que fixeron do fío e da agulla o seu modo de vida, antes de que as grandes cadeas de roupa fabricada en Asia acabasen con todo un mundo de saberes transmitido por mulleres.

24 de xuño de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.