publicidade hoxe

Economía e Industria colaborará na execución dun tanque de tormentas no polígono industrial de Vilapouca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Forcarei

Cores Tourís na visita a Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Forcarei para analizar coa alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, o proxecto dun tanque de tormentas que será executado no polígono de Vilapouca grazas as axudas aportadas pola Consellería de Economía e Industria e que teñen como finalidade a execución de novas plantas de depuración de augas en polígonos empresariais.

Na reunión estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, e polo tenente alcalde, Ricardo Villaverde.

Segundo apuntou Cores Tourís, as axudas que acaba de conceder con este fin a Consellería de Economía e Industria beneficiarán a 7 concellos pontevedreses, permitindo a mellora das infraestruturas de 8 parques empresariais. “A través desta liña que vén de resolver a Consellería de Economía e Industria, impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competividade do tecido empresarial galego”, matizou o delegado territorial quen destacou que a provincia de Pontevedra recibirá 620.318,52 euros, véndose beneficiados os concellos de Cambados, Ribadumia, Silleda, Mos, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa e o de Forcarei onde hoxe nos atopamos”.

En canto ao proxecto que executará o concello de Forcarei grazas a esta liña de axudas da Consellería de Economía e Industria, a alcaldesa trasladou a Cores Tourís que o orzamento da obra será de 178.000 euros dos cales 120.000 serán aportados pola consellería de economía e industria. “Na actualidade contamos con dous parques empresariais, este e o de Cachafeiro, e ambos atópanse totalmente ocupados. No caso de Vilapouca, conta con 150.000 metros cadrados e 12 empresas instaladas”, explicou Belén Cachafeiro.

O tanque de tormentas permitirá regular o caudal da depuradora instalada en Vilapouca, o que facilitará o almacenaxe e tratamento da auga procedente dos irregulares episodios de choivas, que, en ocasións, colapsan a rede de sumidoiros. “Trátase dun depósito de retención que solucionará a carencia de capacidade de tratamento da EDAR, así como mellorará a eficiencia enerxética do sistema, regulando a auga de entrada e os tempos de funcionamento”, engadiu a rexedora, quen deixou claro que, grazas a este novo tanque de tormentas “conseguiremos que o parque empresarial recupere a súa competitividade non só dende o punto de vista económico senón tamén ambiental, o que permitirá que se adapte ás necesidades sociais para o que se deseñou”.

A nivel técnico, o novo tanque de tormentas contará cunha planta de 109 metros cadrados entre depósito de auga e maquinaria, cunha profundidade máxima de 5,10 metros, conformando un volume útil de 164,31 metros cúbicos de capacidade de almacenamento. O depósito contará cun regulador de nivel por ultrasóns, unha boia de seguridade, un cadro eléctrico así como unha alarma óptica e acústica dúas bombas de 3,1 Kw e un limpador basculante.

“As augas da choiva de escorrentía superficial que descorren polas calzadas e pavimentos arrastran cinzas de fumes, residuos, graxas e outros restos depositados pola actividade industrial así como polo paso do tráfico pesado. Serán recollidas neste tanque e posteriormente enviadas á EDAR para a súa depuración final antes de ser devoltas ao cauce fluvial”, rematou Cachafeiro.

Esta liña de axudas apóiase en distintas iniciativas que abarcan eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

A nivel galego destinaranse a este programa 4,2 millóns, “configurando un dos orzamentos máis importante desde a súa posta en marcha”, apuntou Cores Tourís, quen matizou que para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que nos últimos cinco anos destinou 13 millóns de euros a este programa.

Trala finalización dos traballos, sinalou Cores Tourís, teranse impulsado máis de 39 proxectos nos parques empresariais da provincia de Pontevedra desde o 2009, cun orzamento global de case 4 millóns de euros, contribuíndo á mellora das infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade co obxectivo de atraer investimentos para os concellos galegos.

26 de xuño de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.