publicidade hoxe

Culleredo pide máxima celeridade á Xunta para evitar atrasos na construción do centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Despois de anos de espera e tras intensificar nos últimos meses as peticións, o Concello de Culleredo recibiu a confirmación verbal na mañá de hoxe, por parte da Consellería de Sanidade, de que o Consello da Xunta abordaba hoxe a licitación do demandado novo centro de saúde para o municipio.

O goberno municipal é consciente de que o procedemento administrativo aínda é longo polo que espera a “máxima celeridade” da Xunta para non engadir unha nova demora a esta infraestrutura “imprescindible” para os veciños. O Concello celebra que por fin se avance no proxecto, pero espera que o proceso continúe agora “sen ningún atraso máis”, tras o longo período de espera experimentado.

Ademais, o Concello dirixirase de inmediato á Xunta dado que na información publicada hoxe do Consello da Xunta non figura que o centro de saúde vaia a contar cunha unidade de saúde mental, contemplada desde o principio para a dependencia. De feito, a unidade de saúde mental aparecía no anteproxecto. Dado que o Concello aínda segue sen recibir o proxecto definitivo, descoñece si foi suprimida dos plans da Xunta ou si trátase dun erro na información difundida hoxe polo goberno autonómico.

O goberno local interesarase de inmediato pola situación da unidade de saúde mental, moi necesaria na contorna dado que é unha especialidade con moita demanda. Foi unha petición que sempre mantivo o Concello e os colectivos da materia e que a propia Xunta aceptou no seu día.

O 23 de febreiro de 2009, fai agora 5 anos e 4 meses, producíase a escritura da leira cedida polo Concello de Culleredo á Xunta para levantar a dependencia sanitaria. En marzo de 2009 realizábase o estudo geofísico da parcela. En abril dese ano, o goberno autonómico adxudicaba o proxecto.

Desde entón a seguinte comunicación oficial da Xunta remóntase a agosto de 2010, cando confirmou por escrito a construción do centro e requiría a conformidade do Concello, que se produciu ao día seguinte.

O tempo foi pasando ata que o 17 de setembro de 2013 o alcalde de Culleredo, Julio Sancristán, xunto coas concelleiras de Sanidade e Benestar, recibiero aos responsables de Sanidade na propia parcela, situada en O Portádego. Alí a consellería anunciou a licitación para o inicio de 2014. De novo o prazo incumpriuse, o que levou ao equipo de goberno a contactar de forma continuada coa Xunta para insistir na contratación das obras. O centro de saúde dará servizo aos núcleos de O Portádego, Fonteculler, A Corveira, Cordeda, monte Alfeirán ou parte de Vilaboa, entre outros.

A construción da dependencia servirá para aliviar ao centro de saúde de Acea de Ama, actualmente o único da zona urbana e que se atopa saturado. Por iso o equipo de goberno considera “imprescindible e prioritario” o proxecto para os veciños.

12 de xuño de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.