publicidade hoxe

Cores Tourís comproba en Oia as obras executadas en base ao Plan Marco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOiaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Oia

Cores Tourís na visita a Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora varias estradas rurais do concello de Oia dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Alejandro Rodríguez.

Nesta visita estivo tamén acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase dos camiños de Vilariño e Viso na parroquia de Burgueira, así como do camiño de Copetino, na parroquia de Loureza.

En relación ao camiño de Vilariño, a lonxitude total de actuación é de 120 metros cun ancho medio de 5 no que se pretende levar a cabo, segundo apuntou Cores Tourís, a mellora do firme con aglomerado en quente. Ademais está previsto un ensanche de 85 metros de lonxitude e a mellora do drenaxe do camiño coa execución de cunetas de formigón triangulares ao longo de 195 metros.

No camiño do Viso a actuación será ao longo de 300 metros cun ancho medio de 3,20. As obras teñen como fin a mellora do firme e comprenden un varrido enerxético da superficie o aporte de aglomerado en quente.

Finalmente, en relación a camiño de Copetino ten unha lonxitude de 450 metros cun ancho de 3. Neste vial reforzarase o firme con algomerado en quente tras unha limpeza enerxética da superficie. Ademais, nun tramo de cen metros sanearase o firme con zahorra e material de subbase.

“O investimento total na mellora destes tres camiños rurais será de case 44.000 euros”, matizou o delegado territorial, quen recordou que, no caso da comarca do Baixo Miño, estanse a investir, ao longo do presente ano, un total de case 300.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Oia para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Oia, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 200.000 euros dende ese mesmo ano.

O alcalde da localidade aproveitou a visita do delegado territorial para solicitarlle tamén a colaboración da administración económica no abastecemento de auga a vivendas da parroquia de Pedornes, traballos nos que colaborarían ambas administracións.

10 de xuño de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.