publicidade hoxe

Camariñas converte en valores turísticos de vangarda os seus recursos mariñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñasLocal Portada
A-
A+
Presentación de 'Camariñas, o mar todo'

Presentación de ‘Camariñas, o mar todo’

No acto estiveron presentes o alcalde, Manuel Valeriano Alonso de León; o xerente do GAC3, Guillermo González Díez; o concelleiro de Turismo, Sergio Caamaño Fernández; e Pedro Tasende, xerente da empresa responsable da execución do proxecto “Camariñas, o mar todo”. Asistiron tamén empresarios do sector da hostalería, encaixe e marisqueo, todos eles implicados no desenvolvemento de ambas as dúas iniciativas. O proxecto “Camariñas, o mar todo”, que xa se está desenvolvendo, consiste nunha serie de accións encamiñadas á posta en valor do patrimonio inmaterial ligado ao mar, aos seus recursos e historia baixo unha mesma marca, permitindo dinamizar o turismo coma motor de desenvolvemento local.

Pola súa banda, a iniciativa “Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño”, que xa está a piques de rematar, compleméntase co anterior xa o que o seu obxectivo é a dotación dunha zona de lecer e de interpretación da cultura marisqueira. Así, aproveitaranse e poñeranse en valor todos os recursos presentes nesta zona da ría de Camariñas en colaboración coa agrupación de mariscadoras. Durante a súa intervención, o alcalde, Manuel Valeriano Alonso de León, salientou que ambos os dous proxectos representan unha excelente oportunidade para a vila e para todos os axentes económicos xa que “sen esquecer o pasado, avanzamos cara ao futuro que xa está aquí”.

Non esqueceu ao equipo do GAC3, a quen agradeceu o interese mostrado en Camariñas para desenvolver estas accións. No seu turno de palabra, o xerente do Grupo de Acción Costeira, Guillermo González Díez, resaltou que as dúas iniciativas discorren na liña das demandas dos actuais turistas: a busca de experiencias. Deste xeito, tanto “Camariñas, o mar todo” coma “O Ariño” ofrecen un conxunto de actividades que dinamizan unha área, sobre todo, se están respaldadas pola unión dos axentes económicos locais.

González Díez recordou que tanto os dous proxectos de Camariñas como outros desenvolvidos en concellos veciños como Muxía, Vimianzo, Malpica, Ponteceso ou A Laracha (Caión), están ligados co concepto Turismo Mariñeiro polo que aposta Turgalicia. Así mesmo, tamén se encardinan nunha nunha iniciativa de similares características e co mesmo nome na que xa está traballando o Ministerio de Turismo e a Marca España. “Somos a semente do que vai vir”, puntualizou. Accións “Camariñas, o mar todo” Unha das principais accións do proxecto “Camariñas, o mar todo”, consiste na elaboración dunha ferramenta TIC que aglutinará toda a información existente sobre Camariñas e a subirá á nube (internet 2.0), conectándoa ao mesmo tempo coas principais redes sociais. Deste xeito, con só un teléfono intelixente (smartphone), o visitante terá a posibilidade de acceder a vídeos, fotos, audios e textos en calquera punto das rutas sinalizadas e xeolocalizadas no litoral camariñán mediante a lectura de códidos QR, NFC, acceso con web móbil ou coa realidade aumentada.

Outro dos elementos centrais do proxecto xirará en torno a posta en valor do faro e do cabo Vilán, da súa costa e todo o que o rodea mediante a colocación dun punto de información multimedia no seu interior. Tratarse de ofrecerlle información aos visitantes de distintas formas para que coñezan mellor este enclave singular da Costa da Morte que adoita ser a imaxe máis representativa do municipio. No mesmo paquete das novas tecnoloxías, tamén se realizará unha nova web turística en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) que albergará todos os contidos do proxecto. Entre outros, 11 vídeos turísticos, 30 audioguías, textos divulgativos actualizados e unha ampliada galería de fotos, así como información sobre os integrantes da nova Rede Turística de Camariñas. Neste sentido, desde principios de xuño xa está levando a cabo un intenso programa formativo en colaboración cos hostaleiros locais que inclúe tamén actividades de dinamización turística para que os empresarios coñezan os recursos locais e os poidan transmitir de forma óptima ao turista no papel de mellores embaixadores da súa terra.

No apartado de accións de sensibilización, montarase unha mesa expositiva itinerante e unha exposición audiovisual sobre a “Muller e o mar” para destacar a importancia do traballo feminino en Camariñas e aproveitar esta herdanza como valor turístico. Así mesmo, tamén se organizarán dúas viaxes de prensa convidando aos principais líderes de opinión para coñecer Camariñas e a Ruta dos naufraxios da Costa da Morte, xa en activo. En canto ao material promocional, editarase un folleto divulgativo, unha guía visual e unha unidade didáctica pensada para os máis pequenos e diverso merchadising como camisetas, bolsas, mandís,…

30 de xuño de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.